A Real Academia acolleu a presentación do Puntogal, o carné de identidade para a lingua e a cultura de Galicia en Internet

O proceso de consecución do dominio, que segundo o presidente "contribuirá a fomentar a autoestima dos valores de Galicia", conta igualmente co "apoio explícito" da dirección xeral de Promoción Industrial e para a Sociedade da Información. A súa responsable, Elena Veiguela, asistiu de feito como convidada á Asemblea Constituínte do PuntoGal celebrada o pasado sábado no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Manolo González salientou entre os traballos previstos pola nova entidade a súa "implicación directa na sociedade" do país para concienciala da importancia do proceso. Así, a Xunta Directiva promoverá encontros e reunións con responsables políticos e sociais nas vindeiras semanas. Igualmente, o PuntoGal estará presente en diversos eventos e actividades públicas de agora en adiante. Finalmente, González afirmou que para a asociación é fundamental implicar á emigración no proxecto.
O vicepresidente da asociación, Camilo Regueiro, fixo un repaso dos pasos previos á constitución da entidade, que comezou cos traballos da Promotora e que desembocaron na Asemblea do pasado sábado na capital galega. Regueiro lembrou a importancia da participación do maior número posible de entidades como mellor maneira para conseguir o dominio, que deberá ser presentado como candidatura diante da ICANN, a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers, o organismo internacional que os xestiona.
Ante a posibilidade de que en xaneiro se abra un novo prazo de candidaturas, a asociación presentou un plan de traballo que inclúe a elaboración dun informe que xustifique a súa necesidade, doutro que avale a viabilidade económica do proxecto e dun terceiro, de carácter técnico, que demostre que a entidade que vai xestionar o .gal ten capacidade para facelo. Os responsables da asociación manterán contactos coa iniciativa catalana do .cat, a única no mundo que ata a data conseguiu un dominio destas características. Expertos cataláns na materia viaxarán de feito a Galicia para un encontro no vindeiro mes de xullo.
A Xunta Directiva da Asociación PuntoGal está composta por Manolo González como presidente, Camilo Regueiro como vicepresidente, Darío Janeiro como secretario, Lois Rodríguez como tesoureiro e Sergio Aramburu, Marcos Fernández, Antonio López, Luis Romero e Miguel Seoane como vocais.
Máis información en www.puntogal.org
PuntoGal