Skip to main content

Ábrese o prazo para solicitar as axudas destinadas á promoción de producións audiovisuais a través de Internet

O Consorcio Audiovisual de Galicia convoca, a través do Diario Oficial de Galicia, a terceira edición das axudas para a promoción de produtos audiovisuais a través de Internet. O obxectivo é apoiar a creación de páxinas webs de producións audiovisuais galegas. Trátase de potenciar un dos piares fundamentais do negocio cinematográfico en particular e do audiovisual, en xeral.

O orzamento destinado polo Consorcio a estas axudas é de 80.000 euros, 20.000 euros máis que na convocatoria anterior. Poderán acollerse todas aquelas accións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 30 de decembro e o prazo de solicitude abranguerá desde o día seguinte á publicación no DOG e ata o 1 de decembro deste ano.

Poden optar a estas axudas as empresas de produción cinematográfica independentes que estean legalmente constituídas en Galicia e con sede e domicilio fiscal na comunidade ou establecidas nun estado membro da UE con axencia permanente en Galicia.

Para acceder as subvencións deben presentarse proxectos de promoción e publicidade baseados en tecnoloxías on-line e que estean incluídos nos orzamentos de explotación das producións audiovisuais. Así mesmo, apoiaranse producións ou coproducións galegas.

No suposto de longametraxes, a participación económica da produtora galega deberá ser superior ao 30% do orzamento de produción e/ou posuir como mínimo o 20% dos dereitos de explotación da obra audiovisual, que deberá ser acreditado polo ICAA ou EGEDA. De tratarse doutras producións audiovisuais requirirase tamén a documentación que acredite a participación suficiente dunha produtora galega.

O importe das axudas non poderán superar en ningún caso o 40% do orzamento declarado, IVE excluído, establecéndose como cantidade máxima 9.000 euros por proxecto.

A obtención de solicitudes pode facerse a través da web www.consorcioaudiovisualdegalicia.org e a documentación deberá entregarse na sede do Consorcio (Rúa do Hórreo, 61).

Edicións anteriores

Desde a primeira convocatoria destas axudas, beneficíaronse un total de 19 proxectos pertencentes a 12 empresas galegas

No ano 2004 as empresas beneficiarias foron:

Filmanova, S.L.: web do O ano da carracha
Vía Láctea Filmes: Un bosque de música
Pórtico de Comunicaciones, S.L.: A promesa
Saga TV, S.L.: Lobos
Continental Producciones: A vida que che espera
Filmax: Gisaku; Donkey Xote; Nocturna

No 2005 incrementouse a cantidade inicial destinada a estas axudas por importe de 2.696,48 €, ascendendo a un total de 62.696,48 €, e concedéronse a:

Interacción, C.I.M., S.L.: O templo
DYR Producciones Audiovisuales: Munfeld
Ficción Producciones: Conversas co vento
Adivina Producciones: Un franco catorce pesetas e O neno do barro
Filmanova, S.A.: Hotel Tívoli
Continental Producciones: Para que non me esquezas e Heroína
Anxo Fernández Producciones, S.L.: El país de nomeacuerdo y O tren que me leva
Vaca Films: Cargo
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia