Skip to main content

O CPXG rexeita a xestión privada das delegacións da CRTVG porque é incompatible coa súa función de servizo público

O Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) rexeita de raíz o proceso de privatización das delegacións da Compañía da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) porque é incompatible coa función de servizo público que uns medios pagados por todos deben prestar nunha sociedade democrática. Neste sentido, o CPXG solidarízase cos traballadores das delegacións da TVG na súa pretensión de teren os mesmos dereitos laborais que os traballadores da sede central de Santiago.

O CPXG lembra que a maioría destas delegacións son propiedade de empresas que editan xornais galegos. No entender do Colexio, o pago con fondos públicos a estes grupos xornalísticos pola xestión das delegacións da Televisión de Galicia compromete gravemente a independencia destes medios de comunicación respecto ó poder político. Sen esquecer que ese pago distorsiona as regras de xogo coas que debe rexerse o sector mediático privado galego.

Aínda que a privatización das delegacións da TVG comezou co anterior goberno do Partido Popular, a actual administración autonómica está acelerando ese proceso privatizador. Esta realidade é oposta ó compromiso electoral das dúas forzas que gobernan hoxe en Galicia. Comprometéranse a poñer os medios públicos galegos ó servizo da sociedade e a democratizalos. O CPXG xa ten denunciado no pasado a utilización da CRTVG como caixa de pago para mercar un trato favorable de determinadas empresas de comunicación. Por todo isto, o CPXG reclama publicamente que a dirección da CRTVG lle poña fin a ese proceso privatizador dos medios públicos galegos.

O CPXG ten que lamentar que, despois de mais dun ano de goberno bipartito, aínda non se deu ningún paso para democratiza-la CRTVG e acabar coa súa instrumentalización política, que se segue producindo tanto no nomeamento partidario dos seus dirixentes como no sometemento dos medios públicos a intereses gobernamentais contrarios á función de servizo público. Os dous partidos que hoxe gobernan Galicia presentáronse ás eleccións asumindo o compromiso de que o director xeral da CRTVG fose elixido por maioría cualificada do Parlamento. Iso a día de hoxe é só unha promesa electoral.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha corporación de dereito público, creada por lei do Parlamento, que ten por finalidade a defensa dos intereses profesionais dos xornalistas galegos e a defensa dos dereitos dos cidadáns a aceder a unha información veraz e plural.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)