Skip to main content

Espiello: Ciclo de Cinema Documental no Museo do Pobo Galego

O martes 24 de outubro ás 7 da tarde, o Museo do Pobo, inaugura o ciclo de cine documental etnográfico Espiello. En colaboración con esta Mostra que se organiza no Pirineo Aragonés e que está preparando xa a súa V edición, poderanse ver en Galicia algúns dos documentais premiados na Mostra de Sobrarbe, entre os que se atopa A memoria nos tempos do wolfram do galego Antonio Caeiro que abrirá o ciclo.

ESPIELLO, está organizada polo Servicio de Cultura de la Comarca de Sobrarbe, institución que agrupa 19 concellos da provincia de Huesca, e a sección de Audiovisuais do Centro de Estudios de Sobrarbe.

ESPIELLO, único festival no seu tema no estado español, nace en decembro de 2002 sobre a idea dunha actividade que xuntara cine e etnografía, dous aspectos que parecía moi interesante desenvolver na comarca de Sobrarbe: por unha banda o mundo audiovisual, con gran demanda e pouca oferta na zona e cun grupo de persoas sensibilizadas ante calquera acción neste tema. Por outra, os habitantes da comarca teñen sido ao longo do tempo obxecto de interese etnográfico; a dureza e particularidades da vida nun medio difícil e fermoso como a montaña, o relativo illamento sufrido por moitos pobos e un xeito de vivir onde a tradición tiña un gran peso ata hai pouco, son elementos moi atractivos para quen estudan as culturas. Isto fai que Sobrarbe sexa protagonista en numerosos documentais etnográficos. Desde ESPIELLO tratan de cambiar por uns días os papeis pondo diante un espello (espiello en aragonés) tratando de saber máis cousas sobre como os ven, como se ven a si mesmos e tamén como ven eles aos demais.

O resultado foi a celebración de ESPIELLO, I Mostra de Documental Etnográfico de Sobrarbe na Casa de Cultura de Boltaña durante os días 11,12 e 13 de abril de 2003. Realizáronse unha serie de actividades previas repartidas por toda a comarca. O éxito da iniciativa fixo que se repetira o mesmo esquema, conservando as mesmas seccións e incluíndo unha nova dedicada aos cativos.

Un dos obxectivos importantes da mostra é dar a coñecer os últimos traballos que están a realizarse no campo do documental e o vídeo etnográfico, uns traballos dos que a penas se ocupan os distintos certames e festivais e para os que existe un interese real tanto académico como entre o público.

O Museo do Pobo Galegoq que comparte estes obxectivos con Espiello, agarda que esta colaboración continúe nos vindeiros anos de xeito que, en Galicia, se poidan ver algúns dos documentais que están a ter máis éxito internacional e que pasaron pola Mostra.

Ademais das sesións da tarde o Museo ofrece os días 25 e 26, dúas sesións matinais para grupos escolares. Para asistir a estas hai que pórse en contacto co Departamento de Educación do Museo.

MARTES 24

19 h.
Presentación do Ciclo
Proxección: A memoria nos tempos do wolfram
Antonio Caeiro Rodríguez
Premio Espiello 2005
55’

MÉRCORES 25

11.30 h.
Sesión escolar
Fútbol no es fútbol. Tres historias de la calle
Daniel Suberviola / Gonzalo de Otaola
46’
19 h. Romis Calis
Carla Alonso
28’

19.30 h.Trabajando con la muerte
Miguel Olid
Premio Espiello 2004
48’

XOVES 26

11.30h.
Sesión Escolar
A memoria nos tempos do wolfram.
Antonio Caeiro Rodríguez.
Premio Espiello 2005.
55’

19h. El poeta triste. Alvaro Beltrán de Heredia.Premio Espiello Choben 2005.
7’
19.15h. Hippies Forever.
Carlos Moro Lapierre.Premio Espiello Rechira á mellor investigación.
52’

VENRES 27
19h.
Manolo Recicla. Manolo González. Premio Espiello Choben 2003.
30’
19.30h. Quiero vivir aquí.
Hector Añaños / Patricia Oriol.
Premio Espiello Boltaña do público
2005.
40’

SINOPSE DAS PELÍCULAS
A memoria nos tempos do wolfram
Dirección: Antonio Caeiro
Galicia, 2003, 55’

Antonio Caeiro, que xa nos contara a historia do campo de concentración da Illa de San Simón durante a Guerra Civil en Aillados, reflicte en A memoria nos tempos do wolfram, Premio Espiello ao mellor documental no ano 2005, como a comezos da II Guerra Mundial, un mineral fíxose preciso para o estado alemán: o wolfram. Galicia convértese entón en “el dorado” para moita xente que procuraba cartos doados de acadar ou traballo naqueles anos tan duros da posguerra española.
Romis Calis
Dirección: Carla Alonso
Cataluña, 2004, 28’

La chica e Marisol son dúas mulleres que non se coñecen. Do encontro prolongado de ambas xurdirá un discurso no que elas mesmas analizarán a situación da muller xitana actual.
Trabajando con la muerte
Dirección: Miguel Olid
Andalucía, 2003, 48’

Este cineasta afincado en Sevilla realizou unha triloxía da morte –Trabajando con la muerte, El peso de la muerte e Sobrevivir a un hijo– impactante pero fóra do morbo e do oportunismo, presentándonos as testemuñas de aqueles que conviven coa morte. En Trabajando con la muerte, Miguel Olid, achéganos a unha serie de profesionais que, aparentemente non teñen nada en común, agás a súa permanente e cotiá relación coa morte: un tanatopractor –maquillador de cadáveres–, un membro da brigada de inspección ocular da policía científica, un forense, un médico do 061, un sepultureiro, un auxiliar forense, unha psicóloga de enfermos terminais e un funerario. Que lles levou a elixir este traballo? Cales son os seus medos?

El poeta triste

Dirección: Álvaro Beltrán de Heredia
Burgos, 2005, 7’

Reportaxe realizado por estudantes de Secundaria do IES Diego Marín Aguilera de Burgos no que se rexistra a vida de José, un home ao que unha serie de dramáticas circunstancias obrigárono a vivir ao borde da pobreza no interior dunha caravana como único fogar.

Hippies Forever
Dirección: Carlos Moro / Luis Alaejos. Ibiza, 2005, 52’
O documental rescata a testemuña dos hippies que permanecen en Ibiza e continúan vivindo como o facían nos anos 60-70. A cinta narra como conseguiron seguir fieis a eles mesmos a pesar do boom turístico da illa. Excepcionais imaxes de arquivo ilustran a historia das súas vidas.
Manolo Recicla
Dirección: Manolo González
Madrid, 2002, 30’

Este documental que recibiu varios premios, entre eles o de mellor documental no Festival de Cine Hispano Americano de Toronto e unha Mención Especial no Festival de Cine de Montevideo, foi escrito, producido e montado polo propio director quen o rodou cunha simple cámara dixital.
Manolo Recicla conta a historia dun sen teito, José Manuel Bernad, que vai mostrando a súa vida e dando pistas do porque da súa situación.
Quiero vivir aquí
Dirección: Héctor Añaños / Patricia Oriol
Huesca, 2005, 40’

Premio Espiello Pirineos ao mellor documental de temática pirenaica e Espiello Boltaña ao documental máis votado polo público.
Quiero vivir aquí mostra o conflito que se vive en Artieda pola ameaza do recrecimento do encoro de Yesa. Un minucioso traballo de gravación, selección, guión e montaxe dá como resultado unha explicación da realidade de xentes sinxelas coas que non é difícil sentírmonos identificados.

Fútbol no es fútbol

Dirección: Gonzalo de Otaola / Daniel Suberviola
Madrid, 2004, 46'

Rubén, Félix e Modesto, tres persoas da rúa, representaron a España no II Mundial de Fútbol de persoas se fogar en Gotemburgo, Suecia.
Ana Estévez Lavandeira (DEAC Museo do Pobo Galego)