Francisco Varela gaña o Premio ao Mellor Artigo Xornalístico sobre o Sector Naval, convocado polo CPXG e o Colexio de Enxeñeiros Navais
O xornalista Francisco Varela é o gañador da I edición do 'Premio ao mellor Artigo Xornalístico sobre o Sector Naval', convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e pola delegación en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos (COIN). O xurado escolleu por unanimidade o artigo 'Seguridade primeiro, logo traballar', que Varela publicou en La Voz de Galicia o 14 de maio de 2005. A entrega do premio celébrase o venres, 1 de decembro, no Clube Financeiro de Vigo, a partir das 19.00. O acto está presidido pola Directora Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, María Elena Veiguela Martínez.O xurado do premio escolleu como finalistas, ademais do artigo galardoado, os textos 'A Politécnica Superior deseña un sistema de estabilización de pesqueiros' (publicado en La Voz de Galicia o 9 de outubro de 2005), tamén de Francisco Varela; e 'Os estaleiros do mundo, saturados' ('Los astilleros del mundo, saturados', publicado no suplemento económico Euro, do Atlántico Diario, o 6 de agosto de 2006), de Ana Fuentes.
Francisco Varela foi escollido por unanimidade por un xurado nomeado polos dous colexios profesionais que convocaron o galardón. Foron membros Manuela Fraguela Seoane, Subdirectora de Promoción Industrial e Comercio Exterior; Xosé Manuel Vega Gómez, decano do CPXG; Antón Luaces Teixido, vice decano do CPXG; Guillermo Gefaell Chamochín, decano territorial do COIN; e Alfonso García Ascaso, vice decano territorial do COIN.
Este galardón é o primeiro froito de un convenio de colaboración asinado polo Colexio de Xornalistas e o de Enxeñeiros Navais aproveitando os aspectos de carácter social e público que comparten. O 'Premio ao mellor Artigo Xornalístico sobre o Sector Naval' conta cunha dotación económica de 2.000 euros e ten como intención recoñecer e difundir o traballo xornalístico que mellor analice o sector naval.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia






