Skip to main content

O Clúster Audiovisual Galego potenciará o sector co apoio da Consellería de Innovación e Industria

A Consellaría de Innovación e Industria achegará 350.000 euros, nas anualidades de 2006 e 2007, para a execución de diversas actuacións dirixidas a potenciar o sector audiovisual de Galiza, en virtude do convenio de colaboración asinado polo titular do departamento autonómico, Fernando X. Blanco, e o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Antón Reixa.

O devandito convenio contempla a execución de varios proxectos, como son un estudo de viabilidade para o desenvolvemento e posterior construción e lanzamento da Marca do Audiovisual Galego; actuacións en materia de audiencias televisivas e impacto publicitario e de análise e estudo sobre lecer interactivo; un estudo de necesidades/infraestruturas para o proxecto do Parque Tecnolóxico; accións en materia de vixilancia tecnolóxica; un catálogo sectorial on-line; plans de formación; participación no encontro Mundos Dixitais; xornadas inter-cluster ou xornadas técnicas de difusión ou actualización.

Estas actuacións enmárcanse na necesidade de fortalecer a cooperación entre as empresas do audiovisual galego, así como de adoptar modernas técnicas de xestión empresarial que lles permitan acadar o grao de desenvolvemento axeitado para competiren nos mercados estatais e internacionais. Esta nova tendencia require unha análise específica dende a óptica tecnolóxica, estratéxica, organizativa e de xestión de persoas que poidan conceptualizar a innovación, crear organizacións dinámicas, xestionar a tecnoloxía e rendibilizar ao máximo o potencial empresarial.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia