A revista Tempos Novos presenta nova etapa co seu número de Nadal na Fundación Torrente Ballester

Durante nove anos, a arela de TEMPOSnovos foi interrogar con independencia o pulso político do país. Pasaron polas súas páxinas o fraguismo, o Xacobeo, a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, a LOU, as Vacas Tolas, a catástrofe do Prestige e Nunca Máis ou os incendios, sempre dende o compromiso coa cidadanía. E a investigación xornalística que centra o número 115 esculca a especulación urbanística que se estende en Galicia. Amais, completan a publicación as entrevistas con Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega, e con Comba Campoy, actriz e periodística. Unha nova sección, “Redes Cívicas”, tenta representar na revista a voz da sociedade civil e das súas organizacións autónomas.
Pro-texta, o novo suplemento de libros que será trimestral e de balde para subscritores, conta coas entrevistas ao escritor e filósofo sueco Jostein Gaarder e mais á poeta galega María do Cebreiro, que vén de publicar Hemisferios. Tamén é examinada a relación contemporánea entre literatura e memoria, cuxos representantes máis coñecidos resultan Silvio Santiago, Manuel Rivas e Suso de Toro. As novidades do mercado editorial galego e español, con case corenta reseñas, serán o esquelete desta nova iniciativa de TEMPOS.
Un traballo xornalístico independente e de calidade, de información para o debate, segue a guiar nesta etapa o rumbo revista. Os colaboradores e simpatizantes que fixeron posible este proxecto citaranse este martes coa continuidade dun produto que, dinámico e participativo, leva xa case dez anos dando moito que saber.
Departamento de Promoción de Tempos Novos