Skip to main content

O presidente do CIS alerta do crecente papel dos xornalistas na democracia mediática

O presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Fernando Vallespín, alertou sobre a crecente influencia dos medios de comunicación, e en especial da televisión, na configuración do espacio público de debate cidadán e mesmo na xeración da opinión pública que xurde del. Vallespín pronunciou a conferencia de apertura oficial do curso 2007 da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), que presidiron o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, e o director da EGAP, Antonio Izquierdo.

Na súa exposición, o responsable do CIS afirmou que “a calidade dun sistema democrático depende de cómo está constituído o espazo público”, que de modo ideal ten que cumprir coas premisas de estar aberto á participación de todos, abordar cuestións que afecten ao conxunto da cidadanía, procurar a prevalencia dos mellores argumentos e distinguir entre a opinión pública e a opinión publicada.

Fronte a este escenario ideal, Vallespín sinalou a existencia de certas “ameazas” na configuración da opinión pública, como a crecente concentración de medios ou a falta de “alfabetización” dunha grande parte da sociedade no análise crítico da información que recibe. A este respecto, subliñou a importancia que na formación da opinión pública posúen os líderes mediáticos, sobre todo na radio e na televisión, e salientou a dependencia da clase política dunha industria de comunicación de masas dedicada preferentemente ao lecer e ao espectáculo e máis interesada no privado ca no público.

“Democracia mediática”

Na súa visión do que denominou “democracia mediática”, Vallespín engadiu que os medios son tamén “os xestores da memoria e do esquecemento” informativo e, en boa parte, os responsables dunha “banalización da información” que se lle sirve aos cidadáns. Como presidente do CIS, explicou que fronte a este poder mediático na constitución do espazo público, as enquisas serven para tratar de “obxectivar o que a xente opina”, darlle participación ao cidadán e obter a voz dos que se resisten a opinar.

Nese aspecto quixo distinguir entre a opinión que manifestan os cidadáns a partir da súa experiencia directa e a que transmiten influídos polos medios de comunicación. Como exemplo, lembrou que na última enquisa do CIS sobre as expectativas de vida dos cidadáns, a visión xeral da sociedade española era negativa, pero a apreciación de cada un dos consultados sobre a súa propia situación persoal era, polo contrario, a máis positiva dos últimos anos.

Entrega de premios

Tras a conferencia de Vallespín, procedeuse á entrega dos premios convocados pola EGAP en 2006. O Manuel Colmeiro recibiuno Margarita Barral Martínez polo seu traballo A Administración local en Compostela na era monterista.

En canto aos premios á Calidade dos Materiais Didácticos, Antonio Pedro Cid González recolleu o correspondente á modalidade de soporte impreso polo seu diccionario básico para xordos; José Iglesias Iglesias recibiu o da modalidade de soporte en liña polo seu Curso de proceso penal; e Rosa Mary González Seijas e Fernando Cuetos Vega levaron o accésit pola súa aportación sobre procesos cognitivos na aprendizaxe da lectura e a escritura.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia