Skip to main content

O Consorcio colabora no I Festival do Audiovisual de Produción Galega

Celébrase na Fundación Feima o Iº Festival do Audiovisual Galego en Madrid. Nesta primeira edición, que conta coa colaboración do Consorcio Audiovisual de Galicia e do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), mostraranse as producións galegas máis recentes a través de vinte curtametraxes de ficción e seis documentais, realizados nos últimos anos e que foron seleccionados para os programas Curtas e Docs, promovidos polo Consorcio Audiovisual de Galicia.

De forma paralela, presentarase a exposición Bicos de Cine do recoñecido artista pontevedrés Manuel Moldes, composta por 25 estampas que ilustran distintos bicos da historia do cine.

No acto de inauguración, tamén se presentan as Bases do Iº CERTAMEN AUDIOVISUAL “FUNDACIÓN FEIMA”, no que se premiarán, cunha dotación económica e unha estatuíña, realizada por un escultor galego, ás mellores curtas de ficción. O total da obra seleccionada, participará na Edición 2008 de “GaliciaenCORTO”. Con este premio, de temática relacionada con Galicia, FEIMA quere estimular a creación audiovisual en dúas direccións: por unha parte, converter a Galicia nun pretexto, para o que concederá un premio á mellor curta de autor non galego; e por outra, abrir unha porta en Madrid a moitos novos creadores audiovisuais galegos, premiando á mellor curta de ficción de autor galego.

Ao acto de inauguración asiste Nacho Varela en representación oficial do Consorcio Audiovisual de Galicia, e de Manuel J. Fernández Iglesias en representación da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e do CGAI; ademais de directores e coñecidos actores galegos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia