Skip to main content

Consorcio e UDC colaboran no posgrao en internacionalización de contidos audiovisuais

O secretario xeral de Comunicación e presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron un convenio de colaboración polo que se cifra a achega económica do Consorcio Audiovisual de Galicia para a realización do Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA), curso xa en marcha promovido pola universidade coruñesa. Esta achega económica, que se cifra en 30.000 euros, enmárcase na liña de actuacións do Consorcio Audiovisual de Galicia para fomentar a presenza de estudos audiovisuais nas universidades galegas.

Os alumnos matriculados neste posgrao están a coñecer os diferentes mercados de cine, televisión e novos medios tanto do ámbito europeo como do norteamericano, latinoamericano e asiático. Paralelamente, os alumnos fórmanse no eido das tendencias, técnicas de comercio exterior, coprodución, negociación, explotación transnacional e licencias audiovisuais. Ademais, faise un especial fincapé en que os estudantes dominen a casuística dos contratos legais no sector audiovisual, así como todo o referente ao financiamento e busca de axudas á produción e á coprodución. Por último, incídese nas estratexias de marketing internacional, formas de acceso aso principais mercados e festivais, xestión de axudas e elementos de promoción.

Realización de prácticas

Este posgrao permite aos alumnos matriculados realizar prácticas nalgúns dos principais mercados profesionais internacionais, durante unha semana, integrados no equipo dunha empresa audiovisual nacional ou internacional. Así, este ano, 4 alumnos realizaron as súas prácticas no MIPTV en Cannes.

Deste xeito, os alumnos están en contacto coa realidade profesional audiovisual e coñecen, de primeira man, as sinerxías e tendencias dos mercados internacionais, para poder facer produtos competitivos que se poidan vender neses mercados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia