Skip to main content

Suso de Toro anima aos galegos a ser furiosamente europeos

O escritor Suso de Toro animou á cidadanía galega a ser “furiosamente europeos” e a estender o “modelo de Europa” ao resto do Mundo. De Toro cualificou á Unión Europea como “un proceso histórico” construído “por nós” a través dunha “vontade de crear, a través da ideoloxía, un concepto, un imperio, un espazo, un argumento”.

Suso de Toro, os profesores Xaime Barreiro Gil e Xosé Luis Barreiro Rivas e mailo xornalista da Voz de Galicia, Félix Soria, protagonizaron esta mañá o Debate sobre o proceso de integración europea, moderado polo xornalista da Radio Galega, Tino Santiago. Este debate, aberto á cidadanía e celebrado no Museo do Pobo Galego, enmárcase na axenda de actos organizada pola Secretaría Xeral da Xunta de Galicia para conmemorar o Día de Europa en Galicia.

Na súa intervención, de Toro manifestou que “Galicia ten un discurso político propio, o galeguismo, que nos permite pensar o mundo dende aquí” pero que tamén “debemos ser capaces de comprender tamén que Galicia non existe illada, fóra do mundo, senón que forma parte de España e Europa”. Neste sentido, laiouse da “falta de continuidade do pensamento galeguista histórico” antiimperialista, modernizador e aberto a Europa, e denunciou as correntes sociais máis conservadoras e mesmo antieuropeistas que levan ao “localismo e á fragmentación do país e da poboación”.

Ter unha garantía fronte ao fascismo. Entrar na UE para nós foi sentirnos protexidos fronte a un exército que tiñamos herdado e fronte a unhas estructuras eclesiásticas e militares fascistas. Para os españois, entrar na Unión Europea foi unha garantía de estabilidade democrática e para os galegos tamén. “Por iso –salientou- non temos que esquecelo nunca cando falemos de Europa e temos que ser rabiosamente europeos aínda que fósemos ignorantes da nosa historia ou que fósemos estúpidos”.

Aproveitamento dos recursos europeos

Pola súa banda, o profesor Xaime Barreiro Gil argumentou na súa intervención que “non soubemos atopar os proxectos verdadeiramente motrices para a economía” nestes anos nos que fomos receptores de fondos estructurais para a nosa modernización.

Na súa opinión, os galegos adoptamos, ata o de agora, unha “actitude defensiva ante Europa” e non nos volcamos para ter unha presenza neste espazo no que estamos inseridos. Barreiro Gil concluíu que “fixo máis Europa por nós que nós por ela”.

O profesor Xosé Luis Barreiro Rivas asegurou na súa intervención que “a temática europea” é “especialmente querida por el, pola que sente especial preocupación e simpatía e que ve con razoable optimismo”. Na súa análise, realizou un balance dos beneficios que nos ten reportado a nosa participación no proceso de integración na UE, apuntando que é o “resultado da situación creada no continente logo da crise bélica de Europa, a influencia da globalización do sistema productivo mundial e crise intelectual experiencial do idea de Estado”.

Barreiro manifestou que “a historia de Europa é a historia dun éxito” e só aquel que non teñan memoria da situación na que o país se atopaba anteriormente pode negar que dentro dese éxito está tamén Galicia.

No seu percorrido pola participación galega no proceso de integración europea, sinalou, no entanto, que ademais dos gobernos, que negocian e desenvolven as súas políticas, “o país ten paisanos” os que non sempre comprenderon en toda a súa dimensión o que significa a súa pertenza á realidade comunitaria. Neste sentido, puxo como exemplo a campaña deseñada polo Executivo galego para comunicar, no seu momento, a implantación da cota leiteira e o establecemento das cifras oficiais de producción para establecer a nosa participación nese sector.

Pola súa banda, o xornalista de La Voz de Galicia Félix Soria -primeiro correspondente estable dun medio galego en Bruxelas- expuxo a súa idea de que Galicia ten “fracasado, en certa medida, á hora de aproveitar os recursos económicos chegados das institucións comunitarias para modernizar o país”. Ao seu xuízo, de momento as autoridades e as institucións galegas non fomos quen de “planificar as políticas e as actuacións do país para que funcione dentro dunha economía globalizada”. Do mesmo xeito, denuncia que o espírito europeísta non cuallou no pobo galego “que se ten moitas veces demostrado incapaz de que unha planificación funcione dentro do país e potenciando, moitas outras, os localismos exacerbados”.

Tino Santiago, moderador e presentador do debate salientou que nestes días, coincidindo co inicio da campaña electoral, aínda que “non se falará moito do Día de Europa, moitas das cousas das que se debatan terán que ver moito coa política europea” e coa nosa participación no seu contexto.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia