Skip to main content

Mobilízate nas aulas propón a gravación de curtametraxes con teléfonos móbiles nos centros de ensino

Continuando co desenvolvemento do programa Audiovisual nas Aulas, Au2006, promovido polo Consorcio Audiovisual de Galicia en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, que está a aplicarse en 84 centros de ensino no presente curso 2006/2007, durante o mes de maio promóvese a experiencia pioneira Mobilízate nas aulas nos 11 centros que xa participaron nas tres fases anteriores (Iniciación ao Audiovisual, Iniciación á Animación e Iniciación á Televisión), como parte da fase Iniciación ás Novas Tecnoloxías que completa o ciclo Audiovisual nas Aulas.

Mobilízate nas Aulas consiste na gravación de curtametraxes de ficción por parte do alumnado mediante a utilización de teléfonos móbiles de última xeración. Coa axuda de monitores especializados, e coa supervisión do profesorado-coordinador, o alumnado ao tempo que realiza as gravacións, aplicará de xeito práctico os coñecementos adquiridos na totalidade das catro fases de Audiovisual nas Aulas.

Previamente a realizar a práctica, os alumnos participantes reciben unhas sinxelas nocións para manexar o dispositivo co que gravarán, mediante a cámara de vídeo que este incorpora. O aparello dispón dun programa de edición que lles permitirá editar e transformar as súas gravacións nunha peza única.

Coa realización deste obradoiro, o Consorcio Audiovisual de Galicia a través do programa formativo Audiovisual nas Aulas, pretende incentivar a creatividade dos estudantes a través das novas tecnoloxías, dotándoas dunha finalidade didáctica e afastándose das condicións pexorativas polo seu polémico uso. As curtas realizadas serán o resultado da creatividade e da imaxinación desenvolvidas coa axuda das novas tecnoloxías, e serán presentadas á sociedade nun acto público xunto cos traballos de animación realizados polos 20 centros participantes en Iniciación á Animación, e coordinados por Tomás Conde e Virginia Curiá, recoñecidos con varios premios Mestre Mateo na súa especialidade.

Os 11 centros participantes en Mobilízate nas Aulas (CEIP Celso Currás de Trabada, CPI San Sadurniño, CEIP Novo Monforte, IES Laxeiro de Lalín, IES Lauro Olmo de O Barco, CEIP Castrelo de Cambados, IES Nº1 do Carballiño, CPI do Feal de Narón, IES Taboada Chivite de Verín, IES Esparís de Brión, IES Illa de Arousa) reciben igualmente 7 sesións didácticas impartidas por un monitor especializado para desenvolver as unidades didácticas de Iniciación ás Novas Tecnoloxías, e igualmente contemplan unha visita á exposición Galicia Dixital en Santiago de Compostela.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia