Skip to main content

A Fonsagrada, municipio pioneiro no apagón analóxico cara á implantación da TDT

O municipio da Fonsagrada converterase en 2008, dous anos antes do previsto, no primeiro punto de Galicia no que se experimentará o paso de tecnoloxía analóxica a dixital. Así o sinalou Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, durante a presentación neste municipio lugués do Plan piloto de adianto do apagón das emisións de televisión en analóxico, que desenvolve o departamento de Comunicación Audiovisual, dependente da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia. O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, acompañou a Fernando Salgado na presentación do Plan.

O secretario xeral de Comunicación destacou que se presentou “un proxecto pioneiro en Galicia”, xa que só existe unha experiencia similar en Soria, pero que “non contaba coa envergadura desta”. Esta iniciativa, dixo, representa “un verdadeiro desafío tecnolóxico e loxístico”. Así, A Fonsagrada será o primeiro concello de Galicia en contar coa televisión dixital, converténdose “na illa dixital galega”, mentres non chegue ao resto dos concellos da comunidade.

Fernando Salgado explicou que o proxecto presentadose vai a desenvolver en catro fases que se corresponden con diferentes graos de cobertura. A primeira delas estará rematada en outubro deste ano, conseguindo que a cobertura dixital acade o 85%. A segunda remataría en decembro, chegando ao 90% da cobertura dixital. En febreiro do 2008 acabarase a terceira, conseguindo o 96%, para, no mes de marzo dese mesmo ano, realizar o apagón analóxico, ao acadar o 98%.

Neste sentido, asegurou que, no primeiro semestre de 2008, todos os veciños da Fonsagrada recibirán as emisións de televisión coa calidade da tecnoloxía dixital. Así poderán sintonizar calquera das 24 canles actuais de televisións: xerais, musicais e infantís, informativas e deportivas, semixerais, de ocio e ficción e canles xoves e novos.

Escolleuse A Fonsagrada porque se considera un municipio idóneo desde o punto de vista poboacional e orográfico e polos seus condicionantes técnicos, o que converte a iniciativa en extrapolable para a maior parte do territorio galego. Na actualidade, neste municipio lugués só se dispón de sinal analóxico da TVG.

A experiencia da Fonsagrada permitirá, pois, proporcionar un marco real de actuación para o desenvolvemento coordinado da tecnoloxía dixital e permitirá identificar dificultades tanto no despregamento da rede como na adaptación á nova tecnoloxía polos usuarios. A iniciativa facilitará, ademais, o deseño de plans de información efectivos e o estudo das implicacións sociais do proceso.

Ademais dese proxecto pioneiro, a Secretaría Xeral de Comunicación traballa na mellora urxente da actual cobertura de televisión analóxica do Concello da Fonsagrada.

Tamén se elaborou, tal e como destacou Fernando Salgado, un estudo que ofreza un diagnóstico detallado para dar unha situación definitiva ás deficiencias da sinal que padece o Concello. Este informe revelou que A Fonsagrada conta cunha densidade de poboación baixa e unha enorme dispersión; hai 4.993 habitantes repartidos en máis de 200 núcleos de poboación que non chegan aos 50 habitantes.

Tendo en conta o anterior, o secretario xeral de Comunicación destacou que este concello lugués aglutina “as peores condicións posibles para a correcta recepción da sinal de televisión”, xa que os reemisores e microreemisores existentes plantean serios problemas para a recepción, razón pola que este proxecto representaba “un reto”.

A solución, tendo en conta o estudo, foi, por unha banda, mellorar a recepción actual “remendando a rede” e, por outro, buscar unha solución definitiva acorde co século XXI, coa que A Fonsagrada se converta “no banco de probas da implantación da televisión dixital en Galicia”. Este concello servirá ademais para levar a cabo o seguimento do proceso de adaptación a esta tecnoloxía na comunidade galega.

Realidade en 2010

A experiencia na Fonsagrada adianta en dous anos o apagón analóxico. No conxunto da Comunidade Autónoma, este apagón será unha realidade en 2010, data na que a TDT acadará o 98 por cento de Galicia.

O proxecto de instalación da tecnoloxía dixital da Fonsagrada será acometido pola empresa Retegal, co apoio da Secretaría Xeral de Comunicación. Ademais este departamento asinou un convenio de colaboración con Abertis Telecom para que a implantación da TDT se finalice en 2010 e para garantir este despregamento da tecnoloxía dixital.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia