Skip to main content

Galicia marca imaxe no audiovisual galego

“Tanto os anunciantes privados como os públicos, como os que están nesa especie de nebulosa que forman o público e o privado, tratan de levar a imaxes unha serie de valores, símbolos ou ideas, o cal non é máis que a simple definición do que é a Marca”. Así o afirmou Ruperto García, xefe de produción de Lúa Films, na Mesa Debate “Galicia Marca Imaxe” que clausuraba as Xornadas sobre Publicidade “Marca Galicia” que o Club Internacional de Prensa organizou en Pontevedra dende o 29 de maio. Para este creativo audiovisual, é difícil supoñer a posibilidad de comezar de cero, “xa que é tal a cantidade de anunciantes, formatos, canles de tv e produtos, que a idea de dotar a unha marca específica á publicidade audiovisual, resulta pouco menos que imposible”. Para Ruperto García, Galicia “sí que marca imaxe no eido audiovisual”.

Pola súa parte, Pancho Casal, vicepresidente do Clúster Galego do Audiovisual, “crear marca Galicia no audiovisual é facelo a través de intanxibles, polo tanto, a marca é un dos intanxibles máis fortes porque non compite con outra cousa que non sexa o crear percepcións”, e sitou o sector da publicidad como un elemento diferenciado dentro do audiovisual galego. Pancho Casal fixo un repaso da situación actual do audiovisual en Galicia, adiantando que o Clúster está xa estudando esa creación de “Marca Galicia” no sector, dado que é moi diferente a outros tanto no sector servizos como, por suposto, no produtivo “xa que o cliente do audiovisual non é o espectador –falando a nivel empresarial- senón o que merca o produto, ou quen o distribúe, e pouco máis: o espectador non é máis que quen decide ó remate da cadea, consumir ou non o produto”.

A sociedade globalizada

Para Jullio Casal, de Ficción Producciones, “na sociedade actual cada vez mais globalizada, os produtos tenden a parecerse máis entre si e é máis difícil para os consumidores distinguir os seus atributos e bondades. A “marca” e, ademais do principal identificador do produto, un aval que o garante situándoo nun plano superior, por construir unha verdadeira identidade e relaciónaa emocionalmente cos seus consumidores”.

O desenvolvemento dunha ‘marca’ ténse confirmado coma unha das mellores estratexias para protexer e potenciar o patrimonio dunha empresa, produto ou país. Para construír unha Marca poderosa, non só hai que ter un bo produto e capacidade creativa, senón que haberá que: asociar o nome co universo que rodea os produtos, ou crear unha imaxe que transmita fortaleza e identidade propia.

Produtos da terra

Foi Marcos Gallego, membro da directiva de Agapi, para quen “hoxe en día é indiscutíbel o éxito obtido polas distintas marcas e denominacións de orixe galegas no tocante a percepción e a elección dos consumidores por todo o mundo de produtos elaborados na nosa terra. Os albores desta identidade comercial tiveron lugar hai case vinte anos cando o téxtil galego, liderado daquela por uns innovadores empresarios que aportaron grandes doses talento a un sector esmorecente, foron quen de convencer e de conseguir da administración galega uns importantísimos fluxos económicos que se traduciron en moi pouco tempo nun elevado volume de negocio”.

Lembrou a importancia que tivo no seu momento o que tamén supuxo a creación dunha marca, como foi a que englobaba o eslogan “la arruga es bella” que dende entón, “nada foi o mesmo para nós como galegos e para as nosas relacións co resto dos pobos. Nós, dende a nosa terra, deixamos de percibirmos como meros receptores e importadores de bens e servizos que outros fabricaban para vendernos. Incapaces de competir aínda no propio mercado interior, trocamos agora en ilusionados empresarios con capacidade e calidade para comercializar os nosos bens en calquera parte do mundo. Agora ben, un grande cambio fundamental operou nas mentalidades dos nosos veciños, que ó mercar aquela marca, “moda galega”, engadiron e transformaron en valores de calidade e de identidade unha ata entón monolítica e pexorativa maneira de definir o que para eles era ser galego.

“Polo exposto ata aquí –rematou- pódese deducir pois que habería de ser beneficioso para o sector e tamén para a sociedade galega a existencia dunha marca galega audiovisual. Agora ben: para que o audiovisual galego teña unha marca de seu e necesario que a nosa administración, Xunta de Galicia, aposte expresamente por regular e integrar o sector creando unha “única” e poderosa iniciativa na que haberían de estar as asociacións profesionais representando as empresas; ata agora todo se fixo para o sector pero sen o sector, no que ademais da presencia activa da televisión pública tamén poderían estar tódalas entidades e empresas galegas “bandeira” para que en definitiva, entre todos fósemos quen de levar polo mundo marca “AUDIOVISUAL DE GALICIA”.

Deste xeito, púxose fin, tras dun interesante coloquio, ás Xornadas sobre Publicidade “Marca Galicia” que tivo como escenario a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo en Pontevedra, quen xunto coa Fundación Caixa Galicia, colaboraron con esta actividade do Club Internacional de Prensa.




Club Internacional de Prensa (Xunta de Galicia)