Skip to main content

O CGAI prosegue coa programación Historias de cine para nenos

A continuidade da experiencia queda garantida nas próximas programacións do CGAI. Os rapaces deberán ir acompañados dun adulto. A sesión deste mes, as tres curtas iranís integradas baixo o título de “Los cuentos de Mamá Gallina”, elaboradas entre 1992 e 2001, recoméndase para nenos a partir de 3 anos, aos que se lles entregará unha ficha didáctica. A posibilidade de aproximación e coñecemento doutras culturas e das súas formas de expresión e narración ofrécese como un dos obxectivos derivados desta iniciativa. As curtas ademais están producidas por Kanoon, Instituto para o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Adolescentes, organismo estatal de corte didáctico e cultural en
Irán. A entrada é gratuíta.

“Nun mundo protagonizado polas imaxes, coas súas representacións e metáforas tan influentes nos nosos hábitos, é necesario un programa de educación á imaxe. A xente nova ten unha relación con universos de ficción variados e á carta (videoxogos, Playstation e un sen fin doutros sucedáneos…), así como con masivas doses de programas televisivos, sen por iso posuír as claves que lles permitan ler e/ou interpretar as mensaxes transmitidas por medio destas imaxes.

A través desta programación mensual intentaremos ofrecer títulos
variados que acheguen os rapaces a universos novos e enriquecedores, recorrendo a distintas áreas da historia do cine, procurar un abano suficientemente amplo como para estimular unha continuación máis didáctica no ámbito familiar. O descubrimento do cine en todos os seus compoñentes: curtas e longametraxes, filmes contemporáneos, cine mudo, cine de animación, documental, ficción.

A través de películas divertidas, serias ou emocionantes os rapaces descobren os momentos fortes da nosa historia, inícianse na lectura das imaxes, viaxan por outros horizontes, divírtense… E aman o cine!”

Roberto Carlotti e Julie Dragon.

LILI HOSAK
(Irán, 1992)
Dirección e guión: Vajiollah Fard-e-Moghadam.
Fotografía: Farkhondeh Torabi.
Produción: Kanoon, Instituto para o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Adolescentes.
Duración: 16 minutos.
Unha galiña cae no interior dunha poza. O galo e outra galiña
intentan salvala e solicitan a axuda doutros animais, pero todos
viven enfrascados nos seus propios problemas. Parece que finalmente chega unha esperanza de rescate.

EL PEZ ARCO IRIS / MAHI-E RANGUIN-KAMAN
(Irán, 1998)
Dirección, guión e fotografía: Farkhondeh Torabi, sobre unha obra de Markus Pfister.
Produción: Kanoon, Instituto para o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Adolescentes de Irán.
Duración: 13 minutos.
Un fermoso peixe arco iris, froito do seu orgullo, anda sempre só, o que o converte en presa fácil para peixes inimigos. Non obstante, cando chegue o perigo os outros peixes intentarán axudarlle.

SHANGOUL Y MANGOUL
(Irán, 2001)
Dirección: Farkhondeh Torabi e Morteza Ahadi Sarkani.
Guión: Farkhondeh Torabi.
Fotografía: Morteza Ahadi Sarkani.
Produción: Kanoon, Instituto para o Desenvolvemento Intelectual de Nenos e Adolescentes de Irán.
Duración: 17 minutos.
A nai cabra sae e un lobo entra na casa para devorar os cabritiños. O pequeno da familia vai ser o salvador.
José Manuel Sande (Prensa e Documentación CGAI)