Skip to main content

A animación galega estará presente no Encontro Hispano-canadiense de Animación

A raíz da colaboración do Consorcio Audiovisual de Galicia co Consulado do Canadá en Barcelona, Catalan Films&Tv e Media Antenna Catalunya, varias produtoras galegas participan no Encontro Hispano-Canadense de Animación que terá lugar na cidade de Barcelona os días 7 e 8 de xuño no Museo de Historia de Catalunya.

Desde 1985 España e Canadá teñen asinado un Convenio de Coprodución no eido do audiovisual, pero que se limitaba ás longametraxes. A finais do ano pasado, concretamente o 10 de outubro de 2006, asinouse a ampliación deste acordo polo que a coprodución abrangue, desde entón, a aquelas obras audiovisuais de calquera duración e sobre calquera soporte incluídas as de animación, as longametraxes e os documentais; o que supón un ábano máis grande de posibilidades de coprodución.

Neste encontro, precisamente se dedica a sesión do día 7 a explicar esta ampliación do convenio e as súas consecuencias, polo que haberá un simposio sobre como se coproduce co Canadá, explicarase en qué consiste o programa MEDIA e as axudas que ofrece á coprodución e falarase do rol das televisións españolas na industria audiovisual. Ademais, presentaranse casos concretos de estudio: a experiencia da coprodución desde o punto de vista canadense e o español, as diferenzas entre traballar en España e en Canadá, oportunidades de distribución para as coproducións Hispano-Canadenses, así como o panel de discusión para intercambiar posibilidades do acordo de coprodución

En canto á sesión do día 8, esta está dedicada a encontros individuais entre as empresas españolas e canadenses participantes mediante reunións establecidas previamente.

Por parte española haberá unhas 25 empresas e por parte canadense unhas 11. Grazas aos esforzos realizados polo Consorcio Audiovisual de Galicia, neste encontro haberá tres empresas galegas representando ao audiovisual galego. Trátase de Continental Producciones, Filmax Animation-Bren Entertainment e Mara Producciones, todas elas interesadas na coprodución internacional e concretamente co Canadá e na animación.

Esta acción como outras de promoción internacional que leva a cabo o Consorcio Audiovisual de Galicia enmárcase dentro das súas accións do Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego para este ano 2007.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia