Skip to main content

O cineasta británico Ken Loach ofrece unha charla no Auditorio de Galicia

Dentro do ciclo de conferencias Conversas con, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, está o día 20 de xuño en Compostela o director de cine británico Ken Loach. Ofrece o relatorio “Cinema e compromiso social”, ás oito da tarde, no Auditorio de Galiza. Ao mesmo tempo, e para ilustrar a obra deste cineasta e preparar esta conferencia, Xuventude organiza previamente un ciclo de cine no que se amosarán diferentes películas de Loach.

Os filmes de Ken Loach poden verse os días 11, 12, 13, 14 e 19 de xuño. O vindeiro luns, día 11, mostrarase a película “Ladybird” no Teatro Principal, ás 20.30h. Ao día seguinte, martes 12 de xuño -ás 20.30h-, na Facultade de Ciencias da Comunicación proxectarase “My name is Joe”. No mesmo lugar e á mesma hora, o mércores 13 de xuño, a película ofrecida será “Bread and Roses”. Na facultade de CC. da Comunicación verase “The Navigators” o xoves 14 de xuño, tamén ás 20.30h. O último filme que se mostrará neste ciclo vai ser “Sweet Sixteen”, no Teatro Principal o martes 19 de xuño, ás 20.30h.

Conversas con...

A Dirección Xeral de Xuventude comezou o ciclo Conversas con o pasado mes de abril coa participación de Nina Pacari, representante polos pobos indíxenas do Foro Permanente das Nacións Unidas. En maio trouxo ata Galiza a Alberto Torres Novoa, sociólogo peruano e director do Instituto Paulo Freire. Agora chega a Compostela o cineasta Ken Loach, e ao longo de todo o ano, contará con outros destacados relatores, tanto de ámbito nacional como internacional, con nomes como o do director do Instituto Paulo Freire, Carlos Alberto Torres Novoa ou o profesor de Socioloxía da Universidade de Binghamton (New York) e membro da conferencia antiimperialista Axis for Peace, James Petras.

A Vicepresidencia da Xunta pretende con Conversas con achegar a Galiza a temas socias de primeira índole que chaman á implicación da acción voluntaria e da participación.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia