Skip to main content

Vodafone España, IBM, CRTVG e Telefónica incorpóranse ao foro e-Gallaecia

As empresas Vodafone España, Telefónica, CRTVG e IBM veñen de incorporarse ao foro e-Gallaecia xa constituído entre a USC e Vettera Training para levar a cabo actividades conxuntas relacionadas coas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC), entre elas a organización da IV Semana Internacional das TiC que terá lugar en Santiago entre o 31 de maio e o 4 de xuño.
A adhesión destas empresas ao foro materializouse esta mañá en San Xerome coa sinatura dos convenios de colaboración nun acto no que participaron, ademais do reitor compostelán, o conselleiro delegado de Vettera Training, Marcelo Castelo, o director xeral da CRTVG, Francisco Campos, o director territorial de Vodafone, Secundino Mauriz, o delegado rexional Noroeste de IBM, Joaquín lameiro, o director territorial de Galicia e Asturias de Telefónica, José Ángel Veiga, e o director da Área TIC da USC, Javier Franco.
IV Semana Internacional das TIC
A IV Semana Internacional das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), enmarcada nas actividades do Foro e-Gallaecia, desenvolverase na Universidade de Santiago entre o 31 de maio e o 4 de xuño. Trátase dun espazo para a posta en común de temas de actualidade no avance desta área de coñecemento, ofrecendo a posibilidade de observar a evolución que está a experimentar este campo. O encontro converteuse nunha referencia en Galicia e no resto do Estado para todos os profesionais e investigadores que actualmente traballan en temas vinculados coas tecnoloxías da información e as comunicacións.
Nesta cuarta edición o Foro incorpora a figura do Dinamizador Tecnolóxico, empresas de referencia en distintas rexións que realizarán un labor de expansión do Foro nas súas respectivas zonas de actuación. Entre elas figuran TB Solutions en Aragón e Navarra, Softec no Pais Vasco e Cantabria, e Infogroup en Cataluña.
A Semana Internacional das TIC acollerá unha serie de congresos sobre seguridade, bases de datos e programación, Open Source e mobilidade. Nas distintas sesións previstas, o encontro contará coa participación de relatores internacionais de máximo nivel como o creador do procesador de textos Word e experto mundial no desenvolvemento de bases de datos, Les Pinter; o creador do PGP, o software cifrado máis empregado no mundo, Philip Zimmermann; o creador do software de código aberto Blender, Ton Roosendaal; o membro do Foro Económico Mundial e decano do INSEAD, Soumitra Dutta; a presidenta de IBM España, Amparo Moraleda; ou a conselleira delegada de Microsoft España, Rosa García, entre outros destacados especialistas. No encontro terá lugar tamén o primeiro workshop sobre YUKON, a próxima versión de SQL, ademais da presentación do maior antivirus do mundo, o VirusTotal.
Gabinete de Comunicación USC