Skip to main content

O Igaem publica o segundo número da revista Paraíso

user warning: Table 'web68db1.term_data' doesn't exist query: SELECT t.tid, t.*, parent FROM web68db1.term_data t INNER JOIN web68db1.term_hierarchy h ON t.tid = h.tid WHERE t.vid = 56 ORDER BY weight, name in /home/www/web64/web/modules/taxonomy/taxonomy.module on line 858.
O IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) vén de publicar o segundo número de Paraíso, a revista de promoción das
actividades da Rede Galega de Teatros e Auditorios, correspondente ao período de programación de setembro a decembro de 2007. Neste cuadrimestre, o circuíto acolle un total de 324 funcións de teatro de actor, monicreques, danza e música de
cámara, cifra que permitirá pechar o ano cun balance global de 700 actuacións.

O teatro galego protagoniza máis do 78% da nova carteleira, coa participación de 21 compañías con propostas dirixidas ao público adulto, 12 de teatro infantil e 6 de monicreques e unha media que supera as 5 funcións por espectáculo programado. O resto das actuacións corresponde á danza, tanto de compañías galegas (10 funcións) como non galegas (7 funcións), así como á música de cámara (19 concertos) e ao teatro chegado de fóra de Galiza (25 funcións).

Son en total 70 formacións as que, con 78 propostas artísticas, configuran a nova programación coa que a Rede Galega de Teatros e Auditorios pecha o seu primeiro ano de actividade tralo proceso de reforma que iniciara en 2006 cun obxectivo prioritario: reforzar a presenza pública do circuíto e fomentar unha imaxe de marca baseada na calidade, dinamismo e estabilidade das súas programacións.

Neste novo contexto, naceu precisamente a revista semestral Paraíso, que na súa segunda entrega amosa un caderno central con toda a listaxe de funcións ordenadas cronolóxicamente, ademais de fichas particulares de cada un dos espectáculos que o público poderá presenciar nas corenta e catro cidades e vilas galegas que prestan os seus espazos escénicos a este programa da Consellaría de Cultura.

DISTRIBUCIÓN NOS TEATROS

Entre os contidos específicos deste segundo número, que está xa a disposición dos espectadores de xeito gratuíto nos teatros galegos, figuran unha entrevista á autora e directora Ana Vallés, así como informacións e reportaxes sobre as compañías Lagarta
Lagarta e Nova Galega de Danza, o teatro de monicreques en Galiza, o novo circo galego, o traballo do Grupo de Música Antiga Martín Códax ou unha crónica sobre a pasada estrea do espectáculo 30.000, da compañía de danza Pisando Ovos, que é ademais a imaxe de portada.

Paraíso complétase con senllos comentarios de teatro e danza, asinados por Dolores Vilavedra e Natalia Balseiro, respectivamente, ademais doutras seccións, como novas en breve e opinións de espectadores. A revista pódese descargar, asemade, en formato pdf a través da páxina web do IGAEM no enderezo: http://www.igaem.xunta.es/documentacion.php?lg=gal.
Gabinete de Comunicación do Igaem (Xunta de Galicia)