Skip to main content

O CGAI participa en San Sebastián na retrospectiva de Philippe Garrel

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, participou no acto de presentación da retrospectiva sobre o cineasta francés, Philippe Garrel. No acto presentouse ademais un libro sobre o cineasta no que participa o Centro Galega de Artes da Imaxe (CGAI).

O libro, coordinado por Quim Casas e escrito por diversos autores, acompaña a retrospectiva sobre a obra de Philippe Garrel editado polo festival de Cine de San Sebastián coa colaboración da Filmoteca Vasca, IVAC-LA Filmoteca (Valencia), Forum des Images (París) e o CGAI.

Trátase da primeira vez que o CGAI participa nunha das iniciativas do Festival Internacional de Cine de San Sebastián e que permitirá programar no centro ao longo do mes de outubro a retrospectiva sobre o cineasta francés.

Retrospectivas

O Festival de San Sebastián organiza todos os anos dúas retrospectivas sobre cineastas, un clásico (que este ano corresponde a Henry King) e un contemporáneo. Dese 1985 o Festival dedica este ciclo a distintos cineastas en activo, desde unha concepción aberta na que xa tiveron acollida autores tan diversos como Roman Chalbaud, John Sayles, Hou Hsiao-hsien, Eloy de la Iglesia, Peter Bogdanovich, Terry Gilliam, Bertrand Tavernier, Bernardo Bertolucci, Otar Iosseliani, Volker Schlöndorff, Michael Winterbottom, Woddy Allen, Abel Ferrara e Barbet Schroeder, entre outros. A todos estes grandes nomes sucede este ano o ciclo sobre Garrel.

O autor

Philippe Garrel é unha das figuras máis independentes do panorama cinematográfico francés, descendente directo da nouvelle vague, pero tamén de Robert Bresson e Jean Eustache, que practicou ao longo de toda a súa carreira, iniciada en 1964, desde o cine aislacionista ata o retrato de determinados e importantes fragmentos da historia recente, pasando por reflexións sobre a parella, as drogas e a propia actividade cinematográfica.

Fillo de veterano actor Maurice Garrel, irmán de Thierry Garrel (unha das personalidades decisivas da Sept) e pai do actor Louis Garrel (coñecido desde o seu traballo en Soñadores, de Bernardo Bertolucci), Garrel colaborou ao longo da súa carreira con actrices de características tan marcadas como a tamén cantante Nico, Jean Seberg, Bulle Ogier, Tina Aumont, Anne Wiazemski, Emmanuelle Riva, Mireille Perrier, Anémone e Catherine Deneuve.

As súas películas oscilan entre a crueza airada de La cicatrice intériure , un dos títulos fundamentais da súa primeira etapa, e a sesgada emoción de films como Un ange passe, L´enfant secret, Les baisers de secours, La naissance de l´amour e Le vent de la nuit, ademais de Les amantes réguliers que recibiu o León de Prata ao mellor directo no Festival de Venecia, entre outros premios.

Esta iniciativa pretende, tal e como destacou Fernández Iglesias, “dar a coñecer a un dos referentes incuestionables do cine francés contemporáneo”, autor dunha obra que inspirou a algúns dos cineastas que trazan as liñas do cine moderno como Gus Van Sant, Olivier Assayas e José Luis Guerín, e que permaneceu totalmente inédita nas salas comerciais españolas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia