Skip to main content

Presentado o documental sobre Isaac Díaz Pardo

A comezos deste ano, EAF PRODUCIÓNS, en coprodución coa TVG, inicia a rodaxe de “ISAAC”, un documental de 55 minutos sobre Isaac Díaz Pardo, o fundador, promotor e primeiro traballador do Laboratorio de Formas, de Cerámicas do Castro, de Sargadelos, de Edicións do Castro e do Instituto Galego da Información.
Baixo a dirección de Xosé Abad e con guión de Carlos Vázquez, realizouse este documental que, sen renunciar a elementos biográficos, pretende mostrar sen artificios, o pensamento, a opinión e os sentimentos de Isaac Díaz Pardo sobre o seu tempo, o seu mundo e o seu país. Economía, Emigración-Inmigración, a Guerra do Irak ou lembranzas da República e da Guerra Civil son temas sometidos no documental á súa disección lúcida. Aos seus 87 anos, cunha saúde intelectual envexable, Isaac é quen de ofrecernos a súa opinión sempre comprometida e excepcionalmente libre e libertaria.

Para Isaac, “Cultura é todo o que non é Natureza”, e nela pensa e traballa todos os días da súa apaixonante vida. Preténdese nesta peza audiovisual que quede recollida, fixada e ao alcance da man unha parte significativa do pensar e do sentir dun traballador do pensamento, das artes e das técnicas, dun verdadeiro renacentista, que emprega a súa vida en recuperar e asegurar un futuro fértil para a memoria histórica, no más amplo sentido da palabra, do seu país.

O documental realizouse nun formato que permite achegar a figura de Isaac e os grandes referentes da Historia de Galicia de xeito amable e cercano a tódolos públicos, apoiándose nos sentimentos, a ironía e o sentido do humor para profundizar nos acontecementos que estamos a vivir hoxe no mundo e os que viviu a súa xeración. Acompañan a Isaac neste percorrido unha pequena parte, pero ben significativa, dos seus amigos e achegados.

O sábado 29 de setembro a Televisión de Galicia emitiu “ISAAC” ás 15.45h. no programa Galicia Documental.

EAF Producións