Skip to main content

Máis de mil persoas acudiron á cita ponteareana de videocreación

O documental Ainda há pastores, do director portugués Jorge Pelícano, a curtametraxe For(r)est in the des(s)ert do creador vasco Luiso Berdejo e a videocreación de animación La gallina ciega da vasca Isabel Reguera foron as fitas gañadoras da I Mostra Internacional de Videocreación o Condado (MÍVICO 07) nas categorías de Mellor Documental, Mellor Curtametraxe e Mellor Videocreación, respectivamente, outorgados polo xurado. As películas gañadoras competían con máis de 50 traballos, procedentes de Noruega, Reino Unido, Estados Unidos, Cataluña, País Vasco, Valencia, Madrid, Portugal e Galicia.

O xurado, composto por Iñaki Antelo, actual director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o videocreador Miguel Seonae, membro ademais do colectivo Alga e pola creadora Eva Díez, directora de fotografía de Verve Audiovisual, valorou no caso de Aínda há pastores “o contido social do documental, a fotografía e o traballo levado a cabo polo equipo de dirección”. O documental retrata o despoboamento e desatención institucional que está a sofrir Casais de Folgosinho, unha localiade ubicada na Serra da Estrela, en Portugal. A través das testemuñas dosseus habitantes Jorge Pelícano ofrece unha visión da resistencia dun pobo, dunha cultura e dunha actividade económica como é o pastoreo que se resiste a morrer. Jorge Pelícano xunto co seu equipo traballaron durante cinco anos neste documental.

No caso de La gallina ciega, o xurado destacou “o risco na experimentación”. O traballo de Isabel Reguera arranca coa perdida accidental por parte dun cego do seu can guía. Só a escuras na gran cidade, o cego vai descubrindo que a súa fortaleza reside no recoñecemento da súa propia vulnerabilidade.

Da curtametraxe dirixida por Luiso Berdeo valorouse a montaxe así como que a historia non tivese un final pechado.

O auditorio Reveriano Soutullo foi o escenario no que se desenvolveu o acto de clausura e de entrega de premio o sábado pola noite. A recoller o galardón ao mellor documental (o Miviquiño) subiron ás táboas do auditorio Jose Manuel e Diana, axundantes de realización de Ainda há pastores.

Coa entrega de premios quedou clausurada o MÍVICO 07, unha primeira edición que congregou a máis de mil persoas e que deixou máis de cincuenta proxeccións, dous concertos a cargo de grupos destacados do panorama actual luso (Smartini e Musgo)e dous obradoiros de videocreación (a cargo de Miguel Seonae) e de música electrónica en directo (a cargo do Colectivo Oruga, de Ponteareas). Entre os asistentes puideronse ver rostros coñecidos da escena audiovisual galega, entre eles o actor Miguel de Lira, a directora mosense Lara Bacelo, que estreou no MÍVICO 07 o seu docuemental Conversas con deus, os directores David Vázquez e Manuel Vázquez así como diversos actores e curtametraxes como Las dos vidas de Ernesto Pena.

A organización do MÍVICO 07 fai unha valoración moi positiva das tres xornadas do festival, atendendo tanto á calidade dos traballos presentados e á resposta do público como á evolución do evento ao longo dos días, que creceron en intensidade no que a actividades paralelas se refire. En palabras do coordinador do festival, Cuco Pino, este é “o primeiro paso para asentar o MÍVICO e para tomar contacto co público e cos creadores”. A cita, que se presentou coa intención de servir de escaparate da actualidade da videocreación en Galicia e no resto do mundo, naceu con vontade de continuidade, polo que a organización, atendendo ademais á resposta do público, ten previsto traballar nunha próxima edición.
Cuco Pino (coordinador) + Mar Barros (responsable de Prensa de Mivico)