Skip to main content

O Colexio de Xornalistas denuncia a actitude do xerente de Xestur Ourense

1.- A decisión de impedirlle o paso a un xornalista ou a un medio de comunicación a unha rolda de prensa convocada con carácter público representa unha evidente violación do dereito á información protexido polo artigo 20 da Constitución española.
2.- O feito de que o responsable desta actuación, que ten privado a unha parte dos cidadáns do seu dereito a recibir libremente información, sexa xerente dunha entidade pública, como é o caso de Juan Carlos Cabanelas e de Xestur Ourense, unha sociedade participada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo —dependente da Consellería de Política Territorial da Xunta de Galicia— e pola Deputación de Ourense, non fai senon incrementar a gravidade do acontecido, toda vez que os funcionarios e representantes públicos teñen unha obriga adicional de transparencia nas súas relacións cos cidadáns a través dos xornalistas e dos medios de comunicación.

3.- O feito de que o lugar elixido para ofrecer físicamente a rolda de prensa fora de carácter privado non afecta no máis mínimo á natureza pública do acto e non pode ser, por conseguinte, utilizado como excusa para xustificar unha discriminación a un medio ou a un xornalista.
4.- Por todo isto, a Xunta de Goberno do CPXG acorda atende-la petición de amparo e condenar publicamente a actitude de Juan Carlos Cabanelas, xerente de Xestur Ourense, por considerala incompatible co respecto debido ó dereito á información.
5.- A Xunta de Goberno esixelle ó afectado que no sucesivo se absteña de impedir o paso a ningún xornalista a ningunha rolda de prensa convocada con carácter público e emplaza á Deputación de Ourense e ó Instituto Galego de Vivenda e Solo a facer valer a súa influencia para que estes lamentables feitos non se repitan.
6.- O CPXG permanecerá vixiante para asegurarse de que o comportamento en relación cos xornalistas e cos medios de comunicación dos representantes ou funcionarios públicos se corresponde cos mínimos esixibles.
Esta comunicación remitirase ós afectados, así como ás institucións relacionadas con Xestur Ourense, ós medios de comunicación e ós colexiados en xeral.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia