Skip to main content

Ampliado o préstamo ata 99 millóns de euros para extender as infraestructuras de telecomunicacións

A Consellaría de Innovación e Industria disporá dunha nova cantidade orzamentaria para completar a extensión das infraestruturas de telecomunicacións en Galiza, un total de 98.980.000 euros, que o Estado vén de conceder en préstamo, a interese cero, para a universalización do servizo de banda larga e para a extensión da cobertura da televisión dixital terrestre (TDT) no noso país. A cantidade inicialmente prevista para Galiza ascendía a 76.934.437 euros, pero a Consellaría logrou ampliala até os 99 millóns na reunión da Conferencia Sectorial da Sociedade da Información celebrada esta tarde en Madrid e na que participou a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela.

Na Conferencia estableceuse o reparto definitivo por comunidades autónomas dos novos compromisos do Estado en infraestruturas de telecomunicacións para o ano 2008. Galiza recibirá o maior crédito dos concedidos ás comunidades, conseguindo o 17,9% do préstamo total outorgado, por riba de Cataluña, que recibe 97 millóns de euros.

Esta cantidade permitiralle ao departamento dirixido polo nacionalista Fernando Blanco completar a extensión da banda larga nas zonas nas que a infraestrutura non permite aínda ofertar servizos de banda larga axeitados aos cidadáns, zonas na que aínda non existe a suficiente dotación de redes por parte dos operadores ou existen redes anticuadas que impiden ou dificultan a oferta dun acceso de calidade a internet. Da mesma maneira, unha parte do crédito destinarase a financiar a dotación das infraestruturas necesarias para complementar a cobertura e difusión do sinal de televisión dixital terrestre (TDT) na totalidade do territorio do país.

Co fin de detectar con exactitude as zonas carenciais neste tipo de infraestruturas, a Consellaría de Innovación e Industria está a ultimar a elaboración do Mapa de Infraestruturas de Telecomunicación, en base ao cal se desenvolverán as actuacións máis acaídas para completar a universalización da banda larga.

Respecto das condicións do préstamo concedido, ten un tipo de interese do 0%, a súa devolución realizarase nun prazo máximo de 15 anos e non ten que empezar a devolverse ata dentro de 3.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia