Skip to main content

Internet afianza e reforza ás culturas minoritarias

A tecnoloxía non é a responsable de acabar coas culturas minoritarias, senón que será a que as potencie. Esta é unha das mensaxes que se extraen das investigacións da presidenta da Federación Latinoamericana de Facultades de Comunicación social (Felafacs), a peruana Teresa Quiroz, que estará presente no congreso I+C “Investigar a comunicación” que terá lugar os vindeiros 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Na opinión da experta, a “tecnoloxía e o seu uso non borra as culturas de orixen, senón que reforza aínda máis os lazos locais”. Esta é unha das conclusións ás que Quiroz chegou nas súas investigacións con mozos e nenos, que serán publicadas en maio de 2008. Este traballo é a continuación do seu libro “Jóvenes e Internet. Entre el pensar y el sentir” no que estudaba as costumes dos mozos á hora de usar a rede, canle que configura unha nova “cultura dos mozos” cunha linguaxe propia, grazas a posibilidade de ter un contacto constante.

En Galicia, na actualidade, son os mozos de 15 a 19 anos os que máis se conectan a Internet en todas as provincias galegas, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), seguidos de preto polo grupo de idade de 20 a 29 anos. Mentres, o cas nove de cada dez rapaces novos posúe un teléfono móvil para o seu uso propio e un 21% dunha conexión a Internet.

Precisamente, as novas tecnoloxías e a sociedade da información serán algúns dos temas que se desenvolverán na primeiro congreso da Asociación Española de Investigación na Comunicación. Trátase dun evento de caracter internacional que reunirá a estudosos da comunicación como o arxentino Nestor García Canclini, quen pronunciará a conferencia inaugural ademáis de Raúl Trejo, Tapio Varis, Erick Torrico, Margarita Ledo ou Mariano Cebrián Herreros.

A relación entre investigación en comunicación e democracia, as políticas de comunicación e cultura, a sociedade da información e as novas tecnoloxías, a creatividade e a producción de contidos son os eixos do congreso I+C Investigar la Comunicación.

Neste momento son xa unhas catrocentas persoas as que se inscribiron a este evento académico que ata o 28 de decembro ofrece a posibilidade dunha matrícula reducida.



Gabinete de comunicación AE-IC