Skip to main content

O CGAI arranca a programación de 2008 cun ciclo de Woody Allen

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza a súa programación do ano 2008 coa proxección de Recuerdos de Woody Allen, filme enmarcado dentro do ciclo Woody Allen e o cine. O ciclo inclúe a proxección de catro filmes, Recuerdos, Zelig, La rosa púrpura de El Cairo e Un final made in Hollywood proxectados en días consecutivos (do 7 ao 10 de xaneiro), todos eles referidos á relación co propio ámbito cinematográfico.

O ciclo, elaborado polo equipo de programación do CGAI, nace dunha colaboración coa Fundación Barrié de la Maza, froito do concerto que Allen ofreceu coa New Orleans Jazz Band na cidade da Coruña o 3 de xaneiro. As proxeccións, de entrada gratuíta, son as 20,30 horas na sede do CGAI.

Nado en Nueva York o 1 de decembro de 1935 co nome de Allen Stewart Konigsberg, a progresiva consolidación do prestixio e a difusión da obra de Woody Allen convérteno nun dos cineastas universalmente máis coñecidos. Humorista, actor, autor teatral e guionista, desde 1969 desenvolve unha carreira como director que, despois de rodar este verán o seu último título en España, alcanza os 38 títulos.

A súa figura recolle unha fusión de autor-actor-cómico, membro desde os seus principios dunha estirpe na que conviven Keaton, Chaplin, Tati, Jerry Lewis ou Harold Lloyd, aínda que as súas ambicións se trasladan con posterioridade a universos máis singulares e obsesivos, influído por grandes presenzas como Bergman ou Fellini. A comicidade en estado puro da etapa inicial, a axilidade das súas narracións e a habilidade posterior para conciliar elementos traxicómicos cobran forza cando unha corrente máis introspectiva e intimista vai axustando as pezas do Allen máis descarado e paródico.
Gabinete de Comunicación do CGAI (Xunta de Galicia)