Skip to main content

Xornalistas galegos constitúen unha xestora para crear un sindicato que loite contra a precariedade laboral

Un cento de xornalistas procedentes de Galicia, Catalunya, La Rioja, Canarias, Illes Balears e Madrid participaron na I Xornada Profesional da Federación de Sindicatos de Xornalistas (FEsP) que se celebra en Santiago. Durante este encontro organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a FEsP para buscar solucións a precariedade laboral, un grupo de xornalistas constituiu unha xestora coa intención de crear un sindicato de traballadores do sector da comunicación en Galicia.
O novo decano do CPXG, Xosé Manuel Vega, inagurou as xornadas e defendou a necesidade de dignificar a profesión do xornalismo. Neste sentido, o CPXG apoiará o traballo da xestora para a creacción dun sindicato que loite por mellorar as condicións laborais dos máis de 2.000 xornalistas en activo en Galicia.
Un dos primeiros relatores, o decano da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Túñez, asegurou que a gran afluencia de alumnos en prácticas nos medios de comunicación non é a única causa da precariedade laboral. Non funcionamos como unha Empresa de Traballo Temporal encuberta, asegurou o decano. Segundo os datos dun estudo coordinado por Túñez sobre a situación laboral dos alumnos licenciados na Facultade de Xornalismo de Santiago, máis da metade dos estudantes que conseguiron traballo cobran menos de 6 euros por hora. Sen embargo -nunha escala de 1 a 10- os titulados puntúan cunha nota superior ó 6 o seu grado de satisfación no exercio da profesión.
O secretario de Universidades do Sindicat de Periodistes de Catalunya, Xabier Arkorta, acusou a algunhas universidades, especialmente ás privadas, de utilizar a oferta de prácticas, en condicións laborais precarias, como banderín de enganche para conseguir alumnos.
Relación entre as condicións de traballo e a calidade da información
Nestas xornadas tamén participaron, entre outros, portavoces do Sindicato de Jornalistas de Portugal, da Unión de Profesionais da Comunicación de Canarias, do Sindicato de Profesionais da Información de La Rioja, do Sindicato de Periodistas de Andalucía, do Sindicato de Periodistas de Madrid e representantes de comités de empresa de medios como El País ou El Mundo. Todos eles coincidiron en sinalar a relación existente entre as condicións de traballo dos xornalistas e a calidade da información que recibe a sociedade.
A necesidade dun novo modelo que regule os medios de titularidade pública foi o eixo do debate dunhas das mesas. Sobre este tema debateron traballadores da Compañía da Radio Televisión de Galicia, de Radio Nacional de España, de Canal Sur Televisión e de TV3.
O contido das ponencias presentadas hoxe será publicado o luns na web do CPXG, www.xornalistas.com
Esta xornada comezou cun minuto de silencio en memoria dos dez mariñeiros falecidos do O Bahía.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia