Skip to main content

Consorcio do Audiovisual e Facultade de Ciencias da Comunicación da USC promoven accións formativas

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC traballan na realización de distintas actividades formativas destinadas aos profesionais do sector audiovisual ao abeiro dun convenio asinado recentemente entre as dúas institucións.

O convenio encádrase no marco das relacións constantes que mantén o Consorcio Audiovisual de Galicia coas institucións máis importantes do eido audiovisual, para deste xeito, mellorar a capacitación profesional e incorporar de forma inmediata aos profesionais galegos na materia ao mercado laboral.

Creación de proxectos audiovisuais

Froito deste convenio convocarase proximamente unha nova actividade formativa relacionada coa imaxe xerado por ordenador (CGI). Este curso vai dirixido a que o alumnado adquira e manexe os conceptos clave para a creación de escenarios virtuais atendendo ás novas técnicas dixitais de animación e deseño para a realización de proxectos audiovisuais. Na actualidade estas técnicas empréganse en distintos campos do mercado laboral, desde a realización de presentacións e publicidade, pasando polo cine e a televisión –creación de contornos, personaxes dixitais e efectos especiais- ata chegar ao campo das simulacións –nos eidos da arquitectura, a industria, a arqueoloxía ou a medicina-.

Asimesmo, ao abeiro do convenio no mes de novembro organizouse un Curso de Steady-cam nas instalacións da facultade e está a realizarse un Curso de Dobraxe titorizado polo actor Luis Iglesia, en coordinación con AISGE.

Deste xeito, tanto o Consorcio Audiovisual de Galicia como a Facultade compostelá pretenden cubrir unha lagoa na oferta educativa existente na comunidade, para ofrecer unha oportunidade de formarse nesta temática a profesionais e estudantes de distintas áreas como as ciencias da comunicación, informática, telecomunicacións, deseño ou imaxe e son, entre outras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia