Skip to main content

Clausurado o curso de dobraxe

O Consorcio Audiovisual de Galicia e a Fundación AISGE clausuran o curso de Dobraxe coordinado por Luis Iglesia, para o que se recibiron máis de 80 solicitudes de profesionais da interpretación e da locución.

A actividade, que durou un total de 120 horas, tivo lugar desde o 17 de decembro do pasado ano, en horario de tarde na Sala de Dobraxe da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Nesta nova edición contouse coa colaboración de importantes profesionais, como Marisa Lois, médico-foniatra especialista en educación da voz, quen impartiu un módulo específico ao longo de catro sesións, que trataron a fisioloxía, as distintas patoloxías que a afectan á voz, a liberar o sistema respiratorio, así como as normas sobre os hábitos correctos.

Ademais, contouse con tres importantes actores e directores de dobraxe que achegaron distintos estilos na dirección da dobraxe, ademais de expoñer as súas experiencias no mundo profesional. Así, o alumnado puido contar coa presenza de Charo Pena, actriz e directora de dobraxe, voz de Meryl Streep, Julie Andrews, Sharon Stone ou Susan Sarandon; Xosé Antonio Rubal, actor e director de dobraxe, que coordinou a dobraxe de series e películas de grande sona, como Apocalypse now ou Pulp Fiction; ou Alfonso Valiño, voz de Gary Cooper, Rod Steiger, Bob Hopkins ou Morgan Freeman.

Os participantes traballaron nunha sala de dobraxe nas mesmas condicións técnicas e artísticas nas que se desenvolve esta profesión a cotío, dobrando fragmentos de películas, series, debuxos animados e documentais.

DVD promocional

Ao finalizar o curso editarase un DVD cunha selección de takes realizados polos participantes, que se fará chegar desde o Consorcio aos distintos estudos de dobraxe e á TVG, para facilitar a súa incorporación ao circuíto laboral da dobraxe. Para levar a cabo a iniciativa tívose en conta a demanda que se deu tanto por parte do público, así como tamén por parte da propia TVG e das produtoras de dobraxe, cunha renovación nas voces que escoitamos, que ademais respondan a uns criterios de calidade (correcto uso do galego falado, capacidade interpretativa, etc.)

No marco desta política de fomento do emprego no sector audiovisual, desde o Consorcio estase a preparar unha Bolsa e Servizo de Asesoramento Laboral, que se convocará no mes de febreiro para a intermediación de empresas e candidatos na procura dun posto de traballo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia