Skip to main content

Convocada unha liña de axudas aos concellos para a imprantación da TDT

A Secretaría Xeral de Comunicación convoca para o ano 2008 unha liña de axudas co obxecto de facilitar aos concellos o despregamento de infraestruturas de difusión da televisión dixital terrestre. Así, convócanse subvencións ás administracións locais para estudos de cobertura do sinal, realización de proxectos técnicos e dotación de equipamentos para os servizos da TDT.

Con esta medida, a Secretaría Xeral de Comunicación prosegue co seu plan para dotar aos concellos de medidas de apoio que incentiven a implantación dos novos servizos da televisión dixital, ampliando así o marco da pluralidade informativa cara á poboación local, achegándolle a calidade e funcionalidade propia da tecnoloxía dixital.

Estas subvencións, publicadas no DOG de 4 de febreiro, apoian as accións dos concellos para a realización de estudos técnicos de cobertura do sinal de televisión dixital terrestre; a realización de proxectos técnicos de telecomunicación de estacións transmisoras de televisión dixital terrestre de baixa potencia en rede de frecuencia única; así como a dotación de transmisores de televisión de baixa potencia en rede de frecuencia única.

40 por cento de incremento con respecto ao 2007

A cantidade destinada para as subvencións nesta convocatoria ascende a 325.000 euros, o que supón un incremento do 40 por cento respecto ás axudas concedidas o pasado ano. Entre as novidades na convocatoria para o 2008 atópanse ademais as modalidades de subvención, cun incremento no número.

Neste sentido, as liñas de subvención previstas, en réxime de concorrencia competitiva, divídense en tres modalidades. A Modalidade A, para a realización de estudos de cobertura do sinal de televisión no marco de despregamento de infraestruturas de difusión do servizo de televisión dixital terrestre. A Modalidade B, para a realización de proxectos técnicos de telecomunicación de estacións transmisoras de televisión dixital terrestre de baixa potencia en rede de frecuencia única. A terceira, a Modalidade C, para dotación, instalación e certificación de transmisores de televisión dixital terrestre de baixa potencia en rede de frecuencia única.

Obxecto da subvención

Na modalidade A será subvencionable o gasto derivado da realización de estudos de cobertura do sinal de TDT. Na modalidade B serán subvencionables os conceptos de honorarios e gastos da realización do proxecto técnico de telecomunicación, realizado por un enxeñeiro de telecomunicación ou enxeñeiro técnico de telecomunicación e visado polo colexio profesional correspondente. No referente á modalidade C, será subvencionable o equipamento de telecomunicación da estación transmisora, a instalación deste equipamento, os accesorios para a súa protección e ancoraxe, así como os honorarios correspondentes á certificación técnica da instalación.

O importe das axudas concedidas pode acadar os 1.500 euros de máximo por concello na modalidade A, 2.000 na modalidade B e 14.000 na modalidade C.

Beneficiarios

Poderán optar a estas subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran co requirido na disposición adicional décimo segunda do Real decreto 944/2005, do 29 de xullo que especifica as condicións que deben cumprir os concellos na súa iniciativa local de extensión da cobertura do sinal de televisión.

Quedarán excluídos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que fosen beneficiarios de subvencións semellantes nos anos 2006 e 2007 que, tendo recoñecida a obriga de pagamento, teñan pendente a entrega na Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual de documentación definitiva.

As solicitudes para optar as subvencións será de trinta e un días naturais dende mañá, día 5 de febreiro. As solicitudes admitidas a trámite valoraranse atendendo a criterios como a poboación, área do territorio afectada, e a disposición ou non doutros servizos audiovisuais.

A Secretaría Xeral de Comunicación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. O prazo máximo para resolver as solicitudes será de seis meses, contados desde o día seguinte ao do prazo máximo establecida para a presentación das solicitudes.

Convocatoria do ano 2007

Na convocatoria de axudas do ano 2007 para despregamento de infraestruturas de difusión da televisión dixital terrestre a Secretaría Xeral de Comunicación recibiu un total de 252 solicitudes. Finalmente, obtiveron a subvención 63 concellos. Na modalidade A, para estudos, planificación e proxectos técnicos víronse beneficiados 48 concellos; 13 na provincia da Coruña; 6 en Lugo; 15 en Ourense e 14 en Pontevedra. En canto á modalidade B, sobre equipamento enche-ocos e certificacións técnicas obtiveron a subvención un total de 15 concellos; 5 na Coruña, 2 en Lugo, 5 en Ourense e 3 en Pontevedra.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia