Skip to main content

Aberta a inscrición na bolsa de emprego do sector audiovisual galego

O Consorcio Audiovisual de Galicia abre o prazo de presentación de solicitudes para formar parte da Bolsa de Emprego no Sector Audiovisual. Entre os servizos que proporcionará destaca a intermediación na procura de emprego por parte de desempregados e profesionais, e a busca de persoal cualificado por parte do empresariado do sector.

O programa articúlase a través da creación dunha bolsa de emprego que dará resposta ás peticións das empresas para cubrir os perfís profesionais demandados e aos traballadores e desempregados que procuran traballo. Ademais a bolsa oferta asesoramento laboral para a procura de emprego, orientación específica para estudantes e novos titulados e un servizo de alerta de novas, mediante a difusión de información relativa a cursos, tanto para solicitantes de emprego, como para emprendedores e empresarios que queiran mellorar a súa produtividade, a través do envío de información relacionada con axudas, subvencións e con proxectos de índole audiovisual.

O mercado de traballo neste sector presenta un elevado grao de especialización, así como un alto índice de rotación dos profesionais debido as modalidades de contratación. Así, a Bolsa, iniciativa pioneira na nosa comunidade, nace ao abeiro dunha subvención da consellería de Traballo para a implantación das políticas activas de emprego e coa finalidade de contribuír, dende o Consorcio, á creación de emprego no sector audiovisual galego.

Asesoramento laboral

Ademais de axudar aos demandantes a atopar emprego, ofrecerase asesoramento laboral e orientación sobre as diferentes posibilidades de atopar emprego, dos servizos e instrumentos máis adecuados para a súa procura, así como información sobre cursos e actividades de formación e reciclaxe para profesionais.

Na liña de dinamización e fomento do tecido empresarial galego, ofrécese un servizo de información actualizada sobre axudas e subvencións e o acceso a elas, así como de trámites para a posta en marcha de iniciativas de autoemprego.

Destinatarios

A Bolsa vai destinada principalmente, aos desempregados con interese en atopar emprego no sector, así como ás empresas e entidades que soliciten candidatos para cubrir os postos de traballo ou estean interesados en recibir información.

Procedemento de inscrición

A inscrición no servizo é de carácter gratuíto e pode realizarse ao longo de todo o ano. No caso dos candidatos, deberán cubrir o formulario de inscrición na base de datos e presentalo conxuntamente co currículo e unha fotografía. Opcionalmente poderán enviarse mostras de traballos anteriores e materiais multimedia en formatos estándar.

As empresas deberán remitir o formulario de inscrición na base de datos para proceder á alta no servizo, e un formulario de demanda de persoal cada vez que soliciten candidatos.

Tódolos formularios pódense conseguir na sede do Consorcio ou descargalos da súa páxina web (http://www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), e pódense presentar tanto presencialmente como a través de correo electrónico ou fax.

Funcionamento

O Consorcio exercerá de intermediario na tramitación das demandas de profesionais, realizando unha preselección de currículos en función do/s perfil/ís solicitado/s e consultando cos candidatos a súa dispoñibilidade. A selección final dos currículos levarase a cabo pola empresa ofertante.

Aquelas persoas interesadas poderán obter máis información na páxina web do Consorcio (www.consorcioaudiovisualdegalicia.org), no enderezo de correo electrónico orientacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org ou no teléfono 981.957.182.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia