Skip to main content

Producións galegas emitiranse na televisión cubana

O audiovisual galego terá unha presenza notable na Feira do Libro da Habana, un dos maiores eventos culturais de Latinoamérica, que ten este ano a Galiza como país convidado. As televisións cubanas emitirán máis dunha vintena de producións galegas e na programación da Feira inclúense proxeccións, mesas redondas e coloquios. Ademais, creadores galegos e cubanos participaron no proxecto "Ópticas cruzadas", que deu como resultado catro filmes que se presentarán na Habana.

"Ópticas cruzadas" é un proxecto de creación audiovisual que procura poñer en contacto a autores galegos e cubanos. Xunto a debates e proxeccións, o aspecto central do proxecto é a realización de catro pezas de autoría compartida entre directores galegos e cubanos. Son unha peza documental, unha experimental, unha de ficción e unha de ficción-documental, e todas elas presentaranse no transcurso da Feira da Habana.

Catro creacións compartidas

Margarita Ledo realizou xunto coa directora cubana Belkis Vega unha curtametraxe documental que será presentada o 16 de febreiro nos Cines La Infanta. Margarita Ledo é a máis destacada realizadora galega actual neste xénero. O feito de que a súa nai nacera en Cienfuegos foi o punto de partida empregado para o desenvolvemento da historia que, a modo de correspondencia cinematográfica, emprendeu coa directora cubana Belkis Vega. Ambas realizadoras ofrecerán o xoves 14 unha mesa redonda no Centro Hispanoamericano de Cultura, co título "Documental e memoria histórica", no que se proxectarán varias curtas documentais galegas e cubanas.

A peza experimental realizárona o galego Alberte Pagán e o cubano Eduardo Moltó. Pagán é un creador recoñecido e experto en video experimental, mentres que Moltó é un artista plástico con proxección internacional que emprega o audiovisual como medio. Dous perfís moi distintos que se encontran nunha curtametraxe que ten como punto de partida a captación dun día da vida cotiá na Habana (Moltó) e nunha vila galega (Pagán), montados de xeito visualmente inusual. A peza será presentada o 15 de febreiro ao remate dunha mesa redonda sobre "Videocreación galega e cubana: historia e perspectivas", no que participarán ambos autores xunto con Luisa Marisy, e na que se poderán ver senllas retrospectivas sobre a videocreación dos dous países.

A peza de ficción foi abordada polo cubano Ernesto Daranas e a galega Cora Peña. A partir dunha idea previa de Daranas, Cora Peña encargouse da montaxe definitiva dunha curta de ficción rodada entre a Habana e Galiza. Unha historia de amor coa emigración como obstáculo, onde unha neta descobre por unha carta sen enviar que o seu avó deixou un gran amor na Galiza. A busca que emprende a rapaza cubana inicia esta emotiva historia. A peza presentarase o 22 de febreiro no Centro Hispanoamericano de Cultura, cun coloquio posterior cos realizadores.

A cuarta peza do proxecto será de ficción-documental, a cargo do galego Mario Iglesias e a cubana Natasha Vázquez. Estes dous creadores decidiron darlle unha volta á proposta inicial de emprender unha correspondencia audiovisual. Deste xeito, Mario Iglesias, un dos realizadores galegos actuais con maior proxección, propúxose captar a vida dunha pequena vila do interior de Cuba, e que a súa correspondente cubana, a documentalista Natasha Vázquez, reflexionase pola súa parte sobre ese proceso polo cal o director galego transforma o día a día desa comunidade nun universo de realismo máxico. A peza resultante podería ser a orixe dunha longametraxe do director galego e un documental da realizadora cubana. Un adianto desta obra será presentado nos Cines La Infanta o día 23 de febreiro, previamente á proxección de "De bares", filme de Mario Iglesias.

O obxectivo do proxecto "Ópticas cruzadas" é que teña continuidade máis aló da FILH 2008, e del resulte unha relación creativa entre profesionais do audiovisual galego e cubano que dea pé a outras pezas audiovisuais no futuro. As obras creadas neste proxecto pasaranse no Festival de Cine Pobra de Gibara (Cuba), e terán tamén presentacións en Galiza.

Proxeccións e mesas redondas

Xunto ás proxeccións e coloquios enmarcadas no proxecto "Ópticas cruzadas", dentro da programación da Feira da Habana terán lugar outras proxeccións audiovisuais e mesas redondas. O 17 de febreiro nos Cines La Infanta pasarase o telefilme "A mariñeira", de Antón Dobao. O día seguinte proxectarase "De profundis" de Miguelanxo Prado. Ao remate da proxección o realizador dialogará cos alumnos da Cátedra de Galego da Universidade da Habana. O 20 de febreiro presentarase nos mesmos Cines La Infanta a longametraxe de suspense "El menor de los males", dirixida por Antonio Hernández.

O xoves 21 o Centro Hispanoamericano de Cultura acollerá a mesa redonda "Cine comunitario ou cine pobre: unha alternativa a Hollywood?", na que intervirán Mario Iglesias, Sergio Benvenuto, director do Festival de Cine Pobre de Gibara, e a directora de programación do Centro Hispanoamericano, Marilyn Soraya. Previamente proxectarase unha selección de curtas galegas e cubanas encadradas no que poderiamos chamar "cine pobre".

Emisións televisivas

A televisión cubana dedicará unha atención especial á presenza galega na Feira da Habana, que entre outras cousas se traducirá na emisión de varias pezas audivisuais feitas en Galiza. Ao longo do mes de febreiro poderán verse nas distintas canles máis de vinte obras, entre documentais, longametraxes e curtas.

A principal canle do país, Cubavisión, iniciou a emisión de pezas galegas o 1 de febreiro, coa longametraxe de coprodución galega "A vida que te espera". A esta seguirán o 17 de febreiro o documental "Fillas de Galicia"; o día 19 o filme "Galego"; o 23 o documental "JEDN", de Marcos Nine; e o día 24 o telefilme "O partido", dirixido por Juan Calvo. Xa en marzo, o día 5 proxectarase o documental de Miguel Piñeiro "Pegadas no ceu" e o día 12 o documental "O camiño francés".

No Canal Educativo, proxectarase durante os días da Feira unha serie documental titulada "Arquitectura galega contemporánea", no que se analizan algúns dos arquitectos galegos actuais máis relevantes, como Alfonso Penela, Andrés Fernández-Abalat e Manuel Gallego, entre outros. No Canal Habana emitiranse unha serie de curtametraxes de ficción: "A subela" (dirixido por Luis Avilés), "A boa caligrafía (Álex Sampaio), "Unha luz encendida" (Alber Ponte), "Nais" (Mario Iglesias) e "Cicatrices" (Jairo Iglesias).

No Canal Tele Rebelde, emitiranse documentais que lanzan visións diversas sobre a sociedade galega: "Linguas cruzadas" (María Yáñez e Mónica Ares), "Conta con elas" (Claudia Brenlla) e "Mundo bazar" (Sabela Pernas). Tamén no Canal Tele Rebelde poderanse ver unha serie de curtas de animación: "Alistán, o demo oveiro" e "A xaguarana" (Tomás Conde), "Minotauromaquia (Pablo no labirinto)" (Juan Pablo Etcheverry), "O ladrón de bonecas" e "Promesa" (Fernando Cortizo).

Ensinar a cultura galega

O apartado audiovisual formará parte do amplo programa de Galiza na Feira Internacional do Libro da Habana. Do 13 ao 24 de febreiro realizaranse máis de 200 actos culturais, entre eles máis de 100 de carácter literario, ademais de exposicións, obradoiros, actuacións musicas e representacións escénicas, co obxectivo de ensinar ao mundo e fundamentalmente a Latinoamérica a riqueza cultural de Galiza.

Na FILH agárdase a visita de case un millón de persoas. Galiza terá tres pavillóns no recinto da Cabaña, lugar onde se celebra a feira. Exporanse arredor de 600 títulos e poranse á venda uns 6.000 exemplares, volumes que se suman aos 400.000 que se repartirán masivamente, entre antoloxías, unha folla voandeira, un roteiro polos espazos da cidade, varios libros de difusión ou un libro para que os cativos coñezan Galiza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia