Skip to main content

Xosé Manuel Pereiro, novo decano do Colexio de Xornalistas de Galicia

Xosé Manuel Pereiro será o novo decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia unha vez pechado o proceso electoral. Pereiro, que será o terceiro decano na historia da institución, encabeza a única candidatura que concorreu ás Eleccións 2008.

Tal e como establecen os Estatutos do CPXG, no seu Artigo 35, a candidatura será proclamado nova Xunta de Goberno sen necesidade de realizar as votacións. Xosé Manuel Pereiro Sánchez relevará no seu cargo a Xosé Manuel Vega Gómez decano do CPXG na última lexislatura. Pereiro converterase, deste xeito, no terceiro decano do Colexio, despois do propio Vega e de Xosé María García Palmeiro que dirixiu o órgano colexial dende o ano 2000 ata o 2004. Unha vez proclamada a elección da candidatura, Xosé Manuel Pereiro e os demais compoñentes da nova Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tomarán posesión do seu cargo o 10 de maio.

Xosé Manuel Pereiro (Monforte de Lemos, 1956), é licenciado en Ciencias da Información pola Universidad Complutense. Traballou como redactor ou colaborador en prensa escrita (Faro de Vigo, La Voz de Galicia) e radio (Ondas Galicia, Radio Nacional). Director e guionista de programas de televisión (en TVE e TVG), promoveu tamén proxectos culturais como as revistas La Naval ou Bravú ou o portal de internet Bravu.net. É redactor de TVE en Galicia desde 1988, e desde 1985 correspondente de El País. Na actualidade é tamén columnista neste periódico e en La Opinión de A Coruña e Faro de Vigo, así como en medios dixitais. Ten publicado un libro de textos periodísticos, Si home si (Edicións Xerais de Galicia).

Canda Xosé Manuel Pereiro Sánchez, a Xunta de Goberno estará composta por Manuel Vázquez Sola como vicedecano, Francisco López Iglesias como secretario, Darío Janeiro Pereira como tesoureiro e Xosé Manuel Rodríguez Durán, Leticia Vilar Pumares, Marcos Mosquera Domínguez, Ana Belén Puñal Rama, Francisco González Sarria, Marcos Sanluis López, Luís Álvarez Pousa e Rosa Aneiros Díaz, como vogais. O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta.

Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa e en beneficio da sociedade galega.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia