Skip to main content

Eduardo Galeano visita Santiago e Ourense para presentar o seu último libro

Un novo libro... e unha nova visita a Galicia do escritor e xornalista uruguaio Eduardo Galeano, dende aquela conferencia ofrecida en Santiago o 4 de outubro de 2006, cunha asistencia de público histórica na dinámica cultural de Galicia. Máis de ano e medio despois, o Club Internacional de Prensa de Galicia, en estreita colaboración coa Editorial Siglo XXI, achegan de novo a Galeano a este país para presentarnos o seu último libro, "Espejos. Una historia casi universal".

Galeano escolleu para esta presentación as cidades de Barcelona, Madrid, Sevilla, e por suposto Galicia, marcando unha excepción: serán dúas as cidades que desta volta acollerán ó escritor: Santiago de Compostela e Ourense os días 12 e 14 de maio respectivamente. O público ten xa a oportunidade de ler as 340 páxinas de “Espejos”, que resultan ser, realmente, espellos da vida, espellos da alma, a través da propia historia narrada -como é habitual no autor- con breves relatos históricos que nos fan reflexionar, repensar, e por suposto, revivir.

Eduardo Galeano fala da historia a través das persoas que non saen nas fotos

O autor analiza neste libro a historia da humanidade dende as súas orixes ata hoxe, e faino dende a óptica dos feitos e das persoas menos coñecidas, dos que non figuran nos diarios nin saen nas fotos.

O libro está en librarías dende finais de marzo e o lanzamento mundial do libro realizouse o 21 de abril, en Barcelona, co autor presente.

Espejos. Una historia casi universal, é o título deste novo libro editado por Siglo XXI, a súa casa editorial dende os inicios da súa traxectoria literaria.

Para Galeano: «A historia é un paradoxo andante. A contradición móvelle as pernas. Quizais por iso os seus silencios din máis que as súas palabras e con frecuencia as súas palabras revelan, mentindo, a verdade».

Pide perdón de antemán polo atrevemento, e parafraseando a Oscar Wilde con «Eu podo resistir todo, menos a tentación», confesa que sucumbiu ao desexo de contar algúns episodios da aventura humana no mundo, e advirte que o fai «dende o punto de vista dos que non saíron na foto».

Neste libro mestúranse relatos que nos levan dende as Cavernas, ao Nilo pasando pola Fundación del machismo, por Mahoma, pola Resurrección de Jesús, por Las edades de Juana la Loca, por El papá de las marionetas, polos Abanicos, por Bolivia que la borraron del mapa, polas Mans callosas, pola Resurrección de Zapata, por La educación en tiempos de Franco, por Barbie va a la guerra, por Los derechos civiles en el fútbol, polas Guerras mentirosas, por El río y los peces o polo Peligro en la tierra, entre outros temas.

É un inventario xeral do mundo que aparece iluminado por este escritor capaz de enlazar o cotián, o poderoso, a denuncia, co máis sinxelo, co humor ou coa máis exquisita ironía. Un todo a coherencia do cal non son os séculos, nin os grandes acontecementos senón a mirada lúcida e única que sobre eles ten Eduardo Galeano.




Club Internacional de Prensa (Xunta de Galicia)