Skip to main content

O grupo de Historia de Cine da USC estuda as visións sociais dos conceptos de cidade e aldea para ordenar os filmes galegos

O grupo de investigación de Historia de Cine da USC, dirixido polo catedrático Ángel Luis Hueso Montón, estuda as visións sociais dos conceptos de cidade e aldea para elaborar unha ficha de análise que permita a clasificación das películas galegas producidas dende comezos do século XX ata a actualidade.

Definiron cientificamente unha serie de características que diferencian o eido rural do urbano entre as que destacan, entre outras, a parroquia fronte o barrio, as actividades económicas do sector primario fronte ás do secundario e terciario e a maior ou menor concentración da poboación.

A escolla e organización das características dos dous conceptos “foi complexa”, explica o profesor Hueso. “Tivemos que ter en conta as interferencias actuais entre ambos contornos” debido ao crecemento e formación de áreas metropolitanas e aos cambios nos hábitos sociais. Os modos de vida son “cada vez máis semellantes” pola influencia dos medios de comunicación, transportes ou aparición de internet, entre outros aspectos “globalizadores”.

Deste xeito, os filmes ordenaranse segundo temática eminentemente rural, urbana ou mixta. Esta última categoría é máis frecuente nas películas recentes pois “vivimos nunha época de converxencia”, explica Hueso.

Utilidade do estudo

Sobre a utilidade do estudo, Hueso Montón advirte que “a humanidade ten historia”. Non obstante, un dos grandes problemas da sociedade actual é a “exclusiva valoración do inmediato” e matiza que “toda a nosa cultura ten uns cimentos que cómpre coñecer para poder abrir novos e mellores camiños”. Afirma que o mundo rural recollido en moitas das cintas xa desapareceu pero “non é unha ficción” e o cinema “está aí para mostrar a súa existencia”.

Por outra banda, o catedrático apunta que, hoxe en día, é mellor falar do audiovisual sen centrarse tanto no cinema de xeito illado. Por iso, de cara ao futuro, o equipo de investigadores pensa ampliar a mostra coa análise das series de televisión.

O proxecto, titulado ‘Visións sociais: cidade e mundo rural no cinema galego’ e financiado pola Dirección Xeral de I+D da Xunta de Galicia, parte de iniciativas anteriores centradas na catalogación xeral das películas creadas por xente de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)