Importante presenza galega na Convención Internacional de TV e Radiodifusión de Amsterdam

Na presente edición a convención contou coa presenza dunha importante delegación do sector das telecomunicacións, audiovisual e multimedia galegos, con representacións do máximo nivel de empresas como o operador público Retegal, os fabricantes Televés, Egatel e Itelsis, os dous últimos cun stand propio, e membros do Clúster Audiovisual Galego como a Compañía de Radiotelevisión de Galicia, Arantia, Cinemar Films, Continental, CTV, Ficción Producciones, Filmanova, Isabella Audiovisual, Lambda Stream, Spica, Tecnocom, e Voz Audiovisual.
Tecnoloxía galega
As empresas Egatel e Itelsis incluíron entre os equipos de difusión de televisión dixital desprazados a Amsterdam exemplares dos gapfillers ou encheocos instalados no plan piloto de despregue da TDT que a Secretaría Xeral de Comunicación e o operador público Retegal S.A. levaron a cabo no concello lugués da Fonsagrada. Estes equipos constitúen unha solución pioneira a nivel mundial desenvolvida integramente en Galicia, solución que está a ter unha importante repercusión internacional, como amosa a boa acollida que estes equipos tiveron nesta mostra.
Tanto o director xeral de Comunicación Audiovisual como as empresas galegas participantes acudiron cunha ampla axenda de actividades e contactos co obxectivo de reforzar as relacións cos seus partners internacionais, establecer novos contactos dentro dun sector completamente globalizado, e acadar novos mercados para os produtos, servizos e contidos galegos, o cal demostra a clara vocación internacional da industria galega vinculada ás novas tecnoloxías das telecomunicacións e do audiovisual
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia