Skip to main content

Entregados os premios do certame Curtas na Rede 08

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou que o certame Curtas na Rede demostra que “o audiovisual galego ten canteira” e “aviva o compromiso” do Goberno galego cos instrumentos que está a impulsar: o Consorcio Audiovisual de Galicia, o Centro Multimedia, a Rede de Telecentros de Comunicación e o Centro de Artes da Imaxe. Pérez Touriño sostivo que “con estes vimbios, o audiovisual galego acadará unha importante presenza en todas esas novas plataformas e canles de difusión que se están a desenvolver a nivel mundial”.

Así o asegurou o presidente durante a gala de entrega dos premios Curtas na Rede que organizou na Coruña a Secretaria Xeral de Comunicación en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia. “É a imaxe da Galicia interxeracional e innovadora á que aspiro e pola que traballa o meu Goberno; unha Galicia aberta e cohesionada, con inquedanzas e con futuro, con horizontes amplos e mentes adaptativas, sen fendas dixitais”, manifestou.

Emilio Pérez Touriño remarcou que Galicia está a experimentar unha acción “transformadora e de progreso, sustentada e inspirada nun modelo baseado no coñecemento, na innovación e na sustentabilidade”. Neste sentido, asegurou que, a pesares da crise internacional orixinada nos mercados financeiros, nos próximos anos “non minguará” a aposta do Executivo autonómico polo desenvolvemento da I+D+i xa que, segundo valorou, “non hai mellor xeito de sobreporse á crise que saír dela en Galicia cun modelo de crecemento baseado na educación e na formación continua; e orientado á ciencia, á innovación, á investigación e á cultura”.

Para isto, o presidente da Xunta considerou “imprescindible” que todos os galegos acheguen ideas á comunidade e así, “traballar en rede, en equipo, todos xuntos”. Neste sentido, asegurou que desde o Goberno galego se busca esporear nos mozos e mozas galegos as calidades persoais que constitúen “a base do espírito emprendedor: a creatividade, a iniciativa, a responsabilidade e a capacidade de afrontar riscos”.

Durante a súa intervención, o presidente do Goberno autónomo subliñou que “a multiculturalidade, a pluralidade, a inserción e a integración social” son valores reflectidos no concurso Curtas na Rede. Da mesma forma, felicitou aos galardoados polo “esforzo inventivo, a enerxía artística e a capacidade emprendedora”, en definitiva, “polo feito de que cada un deles dedique o seu talento á creación e á transmisión do coñecemento e do sentimento”.

O presidente da Xunta estivo acompañado, entre outros, polo secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso e o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias.

Relación de galardoados

A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes, na que este ano participaron 90 proxectos. Os inscritos tiveron que realizar unha curta inédita que non excedera os cinco minutos de duración e que versara sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/ visións alleas (temática libre). Ademais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorporouse a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre.

O presidente da Xunta entregou o premio á mellor curtametraxe en galego a Xabier Marqués Solla por Z. O premio á mellor curtametraxe en castelán recaeu en Suda Sánchez por Rutina. O galardón á mellor curta de ficción sobre saúde e sexualidade foi para Carlos Prado Pampín por Vellas, quen tamén se fixo co premio á mellor micromovie por Amén Señora e mellor dirección por Vellas. Na temática de ficción inmigración, o galardón foi para Marisa Otero López por Querida Xulia. Na categoría visións nosas/visións alleas déronse dous premios, un deles para Diego Valiño García por Love over e, o outro para Toño Chouza por Müchausen, quen tamén recibiu o premio do público á mellor micromovie por Contratempo.

No apartado documental, o premio para a mellor curta de saúde e sexualidade foi para Julia Vallés por Sexo seguro. A mellor curta documental na categoría visións nosas/visións alleas foi para Pablo Chouza por O camiño da Loureira.

O galardón pola curtametraxe máis orixinal foi para Pablo Penedo Naveira por Federico Lasalle. Así mesmo, o premio do público á mellor curtametraxe foi para Andrés González Tella por Qué lle pasa a Pepe Pistola?

Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. O galardón mellor cápsula de lingua entregóuselle a Alberto López Vázquez por Negras sombras. Hugo Ricardo Sousa fíxose co premio á mellor cápsula musical por Dreams in colour, así como co premio do público á mellor cápsula. O galardón da mellor cápsula promo foi para Juan Pedro Pérez por 404.

Na categoría de animación, o primeiro dos premios foi para Miriam Alberte por Caligarismo, o segundo para Andrés Carrera por 1491 e o terceiro para Raúl García por A xogada perfecta.

Andrés Cameselle e Amalia Touriño e Aurea García recibiron o premio á mellor interpretación masculina e á mellor feminina, respectivamente. O premio para a mellor bitácora, outra das modalidades do concurso, foi para Marcos Nine, mentres que o de mellor guións recaeu en Eduardo Pérez por Lavandeira.

Colaboradores

Para levar a cabo a edición deste ano, ademais dos organizadores, contouse coa colaboración de numerosas entidades. Así, participaron en Curtas na Rede 2008, a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Axencia Audiovisual Galega, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia (programa Onda Curta), a Compañía R. Cable e Telecomunicacións Galicia S.A, a Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia, o Consejo de la Juventud de España (CJE), a compañía Siemens, a Fundaçao da Juventude e a participación do Eixo Atlántico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia