Skip to main content

Presentado o curso de posgrao de Comercialización Internacional de Contidos

O Consorcio Audiovisual de Galicia e o Máster en Producción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña presentaron na cidade herculina o Curso de Posgrao de Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA), acto no que participou o director xerente do Consorcio, Nacho Varela, o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, o director do CICA, José Francisco Sánchez e o responsable de Industrias Culturais do ICEX, Juan Miguel Márquez. O proxecto, que este ano celebra a súa terceira edición, desenvolverase na cidade da Coruña durante o curso 2008-2009.

O curso presentado nun acto no que participou o coñecido actor Miguel Ángel Muñoz, supón unha iniciativa pioneira no estado. O CICA conta con docentes expertos en contornos internacionais, responsables das empresas con maior proxección, tanto de televisión como de cine. O alumnado poderá asistir a un mercado internacional de cine ou televisión para completar a súa formación a través dunhas prácticas a realizar no marco do MIPCOM, do MIPTV ou do MIF (Marché Internacional du Film) para aplicar os coñecementos aprendidos ao longo do curso.

O alumnado das dúas edicións anteriores (arredor de 20 persoas) xa está integrado no mercado laboral, dedicándose á promoción e venda de produtos audiovisuais en distintas produtoras e televisións, tanto galegas como do resto do estado. Neste sentido, varios dos alumnos que participaron no curso crearon a primeira empresa galega especializada na venda internacional de proxectos audiovisuais, o que da mostra da necesidade de cubrir esta fenda informativa e empresarial dá internacionalización do sector.

Unha internacionalización que os promotores do curso entenden dun xeito novo: levar a cabo proxectos que desde o local teñan unha impronta internacional pero ademais, sendo imprescindible ter a capacidade de vendelos nos mercados internacionais, obxectivo último do CICA.

Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego

Con esta acción, o Consorcio Audiovisual de Galicia segue a traballar no plan de actividades para o ano 2008 que recolle diferentes iniciativas con respecto ao Plan de Internacionalización do Audiovisual Galego. Así mesmo, este plan recolle o impulso á formación de profesionais capacitados para operar en marcados internacionais ante a necesidade de contar en Galicia con profesionais formados na promoción audiovisual, con capacidade para operar nun entorno produtivo e de xestión altamente internacionalizada.

Este programa formativo responde a esta demanda do sector audiovisual, que precisa internacionalizar as nosas producións de calidade. Por este motivo o Consorcio Audiovisual de Galicia analizou esta necesidade e decidiu crear unha canteira de axentes de vendas internacionais que deran saída ás producións galegas no estranxeiro, ao tempo que se especializaba nunha rama nova aos técnicos de Comercio Exterior, aos produtores e outros traballadores do audiovisual mediante a incorporación de novas competencias como a negociación, a explotación transnacional ou a coprodución ás súas actividades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia