Skip to main content

Ibisa TV celebra 20 anos no audiovisual galego editando o Catálogo dixital 1988-2008

A produtora IBISAtv celebrou o longo do ano 2008 o seu vinte aniversario con varias actividades institucionais e corporativas que continuarán no ano 2009.

IBISAtv, fundada en Ponferrada en agosto de 1988 como Iniciativas del Bierzo S.A., é unha das produtoras máis veteranas de Galicia, con vinte anos de experiencia producindo documentais e series de televisión. IBISAtv é unha realidade empresarial consolidada, con facturación crecente, está considerada como “empresa gacela” e está participada por XesGalicia, a través do fondo de capital risco, Fondo Emprende. A súa proxección internacional, iniciada no 2003, mediante coproducións con Portugal, Brasil, Marrocos, Italia e o Mediterráneo, sitúa a produtora na vangarda da exportación audiovisual galega.

Catálogo dixital 1988-2008

Neste ano que remata, IBISAtv dixitalizou todo o seu catálogo, un total de 75 títulos, con preto de douscentos programas producidos, que inclúen series de televisión, documentais e programas, entre os que cabe destacar “Os Viaxeiros da Luz”, serie de 1991, Premio Galicia de Comunicación que agora conta ca súa edición dixital en DVD. Paralelamente, editouse o “Catálogo IBISAtv 1988-2008”, coa ficha técnica e artística exhaustiva de cada unha das producións.

Deste mesmo catálogo dixital, IBISAtv donou sendas copias e outros fondos documentais ó Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), a Filmoteca de Castilla e León e a Mediateca do Grilo, no Concello de Teo; que agora poden ser consultados como parte do audiovisual galego. A Filmoteca de Castilla e León prepara, ademais, un ciclo de proxeccións adicado a IBISAtv que terá lugar no primeiro trimestre do ano 2009.

Tamén no marco do 20º aniversario, publicaráse o libro “Viajar para ver, ver para comprender, comprender para compartir”, cun percorrido amplo polos vinte anos de historia de IBISAtv. No libro teñen o seu espazo afectivo profesionais achegados a IBISAtv como a escritora Nélida Piñon, a actriz Uxía Blanco, o historiador Pepe Fortes, Zoubaida El Fathi, Carlos Vázquez, Carlos Álvarez-Nóvoa ou Emilio Garrido... quenes falan dende o corazón da súa experiencia con IBISAtv.

O libro ten un apartado especial para tódolos profesionais que colaboraron con IBISAtv ó longo destes vinte anos de percorrido. Máis de quinientos profesionais reflectidos nun índice por profesións e outro por sectores no que destacan colaboracións de máis de cincuenta actores e actrices, máis de trinta guionistas e preto de trinta realizadores e directores de fotografía. Documentalistas, axudantes de realización, directores, xefes e auxiliares de produción, operadores de cámara, sonidistas, iluminadores... forman parte desta gran familia de profesionais que nestes vinte anos traballaron con IBISAtv.

Nas grelas de TV
Neste ano de aniversario, cadeas como TVG, TVE, Localia Galicia, Canal Brasil e a RTM (Televisión Pública de Marrocos) emitirón máis dunha ducia de programas de IBISAtv. Destacan a serie sobre o diálogo entre culturas e pobos do Mediterráneo, “Linatakalam”; o programa “Doa a doa” (actualmente en emisión os domingos ás 21:15 na TVG e noutros horarios polos canles internacionais da TVG); a serie sobre a historia do sindicalismo en Galicia “O sal da terra”; as series que percorren Galicia “Os Viaxeiros da Luz” e “As Viaxeiras da Lúa” e documentais como “Nas mellores familias: os homeless invisibles”, “Scherezade en Galicia: as verbas de Nélida Piñon” e “A revolta univesitaria do 69”, entre outros.

No novo ano, IBISAtv continúa a traballar nos documentais “Traballo e vida en Bueu” e “Viaje interior por la provincia del Bierzo”, que está a piques de rematar e aborda o desenvolvemento da sua primeira longametraxe, “El Señor de Bembibre”, unha paixón romántica, co trasfondo histórico da caída dos Templarios no Bierzo e Galicia.
Ibisa TV