Skip to main content

Celanova transfórmase durante uns días na capital do cine galego

Durante tres días (13-15 de xullo) a vila de Celanova transfórmase nun verdadeiro foro de debate sobre a relación do Cine e a Literatura analizando este binomio a través da figura de Carlos Casares.
O Curso, que está dirixido polo historiador do cine galego, o carballiñés Miguel Anxo Fernández, e que se inclué dentro da colaboración da Fundación Carlos Casares, a Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova e a Universidade de Vigo, trae a Celanova a algúns dos principais nomes da literatura galega máis actual, así como ós principais cineastas para afondar nesa relación entre o cine e a literatura galega.
Nomes coma os de Antón Reixa, Manuel Rivas, José Luis Cuerda, Pancho Casal, Pepe Coira, Alfredo Conde, Francisco Plaza, Margarita Ledo ou Luís Álvarez Pousa, pasan polo Claustro do
Mosteiro de Celanova durante tres días para dar a coñecer o seu traballo.
Ademais das correspondentes conferencias e mesas redondas coas que conta o curso, durante a xornada do martes proxéctase a película O lapis do Carpinteiro na súa versión en galego, mentres que durante a xornada do mércores hai dous pases de outras tantas filmacións que se
proxectan por primeira vez en Ourense e que nos dous casos contan con importante protagonismo ourensán.
A primeira delas (ás sete da tarde) é o documental Santa Liberdade. Caderno da viaxe, realizado pola xornalista Margarita Ledo e no que se lle fai un repaso ó episodio do secuestro do transatlántico portugués Santa María protagonizado por un comando de portugueses e galegos, á fronte dos que se atopaban o capitán portugués Henrique Galvao e os galegos José Fernando Fernández -Sotomaior- e o celanovés Pepe Velo.
Pola noite o protagonismo é para Romasanta, ó home lobo de Allariz: un film
realizado por Francisco Plaza sobre un libro de Alfredo Conde, se estrena por primeira vez na súa versión en galego.
Durante estas xornadas a Casa de Curros acolle tamén un taller de guión dirixido polo director e guionista Ángel de la Cruz, no que os alumnos traballan arredor da novela de Carlos Casares, Ilustrísima.
Concello de Celanova