Skip to main content

Eurolat permitirá reforzar os lazos entre Galicia e Latinoamérica

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, participou na presentación do Congreso de análise sobre Latinoámerica Construyendo Eurolat que segundo destacou “permitirá proxectar Galicia e reforzar os lazos con Latinoamérica”. No acto estivo acompañado polo director do congreso, Fernando Jaúiregui e o director xeral de Prestomedia, Jesús González.

A iniciativa pretende converter a Santiago entre os días 25 e 28 de xaneiro na capital do periodismo latinoamericano. O director do congreso subliñou que Galicia acolle ao que xa se pode considerar “o cumio anual de directores de medios de comunicación latinoamericanos: o congreso de análise sobre Latinoámerica”.

Na súa intervención, Fernando Salgado expresou o seu agradecemento “entrañable e forte” e o do Goberno galego a Prestomedia por elixir Galicia como sede do congreso, “pola significación da iniciativa e por permitir debater sobre os problemas de Latinoamerica”. Tal e como salientou, “vainos permitir reforzar os lazos de sangue, culturais e históricos cos países latinoamericanos e co veciño Portugal e seguir mantendo unha relación directa con eles”.

“O Congreso garante o establecemento dunha ponte entre a Unión Europea e Latinoamerica na que o arco esencial é Galicia. Así, servirá como trampolín de proxección da comunidade para presentar e dar a coñecer unha Galicia en marcha que será aberta e fiestra de intercambio co mundo e as diferentes culturas”, indicou.

Reforzar os lazos con Latinoamérica

Neste sentido, avanzou que, aproveitando a presenza dos representantes dos principais medios latinoamericanos e da celebración do 3º congreso de empresarios galegos no exterior, haberá un acto conxunto que permita proxectar Galicia e reforzar os lazos con Latinoamerica.

A cita será foro destacado dun gran debate entre os máis importantes líderes de opinión de América Latina e Europa, nunha edición na que o tema central do congreso é Construíndo Eurolat, as relacións de Latinoámerica e a Unión Europea onde se reflexionará sobre a actualidade e a realidade social, económica e política latinoamericana. Así, o congreso contará coa participación dos directivos dos medios de comunicación máis importantes de América, España e Portugal. Entre eles, contarase coa presenza do director de Clarín, La Nación, O Globo ou New Herald, entre outros.

A inauguración do Congreso, que será presidida polo máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, terá lugar o próximo luns 26 de xaneiro ás 9,30 horas no Salón Nobre do Reitorado da Universidade, no Palacio de Fonseca.

O Congreso está organizado polo Grupo Diariocrítico e Prestomedia promovido pola Secretaría Xeral de Comunicación baixo a dirección do xornalista Fernando Jáuregui. O congreso do ano 2008 celebrouse en Burgos, sendo os anteriores en Valencia e Cáceres.

Os plenarios que se celebren no marco do Congreso tratarán sobre a construción de Eurolat, a liberdade de expresión, a diplomacia bilateral ou multilateral ou a brecha dixital entre os dous lados do atlántico, entre outros temas. Ademais dos plenarios haberá mesas redondas nas que se abordará a crise económica mundial, enerxía e sustentabilidade, fluxos migratorios ou dereitos humanos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia