Skip to main content

A USC acolle o Congreso Construíndo Eurolat

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que Galicia é o mellor aliado para introducir e defender os intereses de América en Latina en España e en Europa. Durante a inauguración, en Santiago, do Congreso de Análise sobre Latinoamérica, ‘Construíndo Eurolat’, que reúne aos principais responsables de medios de comunicación de Latinoamérica, Portugal e España, o titular do Goberno galego remarcou que Galicia é “o mellor aliado para defender os intereses de América Latina en España e, con España, nas institucións da Unión Europea”.

“Desde a perspectiva histórica, Galicia síntese en débeda con América, en débeda con todos vós”, aseverou Touriño lembrando o “acubillo, a hospitalidade e a comprensión” que atoparon os emigrantes galegos en América Latina. Por iso, engadiu, a comunidade galega “non pode atopar mellor moeda de pago que poñer todo o seu empeño para que a Europa das liberdades, a Europa dos valores sociais, da innovación e do coñecemento, a Europa da integración, se comprometa, do xeito máis axeitado posible, ao desenvolvemento sostible das sociedades latinoamericanas”.

“Galicia é Europa, pero Galicia é América. O arco da ponte que nos une. A placenta que contribuíron a crear miles e miles de galegas e galegos que se viron forzados a emigrar, a abandonar o fogar e a terra, os máis por falta de oportunidades, algúns moi ilustres por motivos políticos, e todos eles lanzados á aventura dunha nova vida”, salientou.

Na mesma liña, o máximo mandatario autonómico avogou por aproveitar a presidencia española da Unión Europea, que España asume o 1 de xaneiro de 2010, para “introducir, pola porta grande, a América Latina no corazón da axenda europea”.

Así mesmo, apostou por aproveitar a crise global “que hoxe nos sacude a todos” e convertela “na grande oportunidade” para reinventar “esa relación de vello e novo continente”. “Fagamos da necesidade virtude e reinventemos a nosa relación, partindo desde a mellor mirada que temos sido capaces de atopar, a da península ibérica, pero atraendo a esa nova relación a potencialidade do conxunto de estados que hoxe compoñen a Unión Europea”, insistiu.

Nesta misión, o presidente galego considerou “fundamental” a comunicación entre as dúas opinións públicas, lembrando que de nada serviría o traballo dos políticos se os cidadáns non se interesan “polo futuro máis próximo e común a través dos vosos medios de comunicación”, aseverou dirixíndose aos participantes no congreso e pedíndolles “axuda para xerar un verdadeiro movemento de interese que faga posible acadar as melloras concretas que na nosa relación se deben producir”.

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que, precisamente, a construción das relacións entre Europa e América Latina, que se teñen convertido na actualidade nun obxecto de primeira necesidade a ambos lados do océano, constitúe o obxectivo fundamental do congreso de comunicación inaugurado hoxe, ‘Construíndo Eurolat”, que cualificou como “auténtico cumio latinoamericano de xornalismo”.

Nel participan os principais responsables de medios de comunicación de Latinoamérica, Portugal e España a quen Touriño lles desexou un “intenso” e “frutífero” traballo que permita arroxar conclusións “sobre os principais asuntos da actualidade, así como as materias máis profesionais do traballo xornalístico e as dificultades polas que atravesa o seu exercicio”.

“A calidade dos relatores, así coma o conxunto de congresistas, son a mellor garantía para tal fin”, asegurou Pérez Touriño agradecendo tamén aos organizadores que teñan escollido a comunidade galega para a celebración deste congreso e que “nos teñan concedido a oportunidade de amosar a América a Galicia de hoxe, os seus problemas, as súas realidades e os seus soños”, aseverou.

O titular do Goberno autonómico rematou a súa intervención facendo uso da lingua galega, a “de Rosalía e Castelao”, incidiu, lembrando que é un dos tres idiomas “que compartimos cantos aquí nos atopamos”. “Esas tres linguas, nacidas de tronco común, constitúen a mellor ponte de comunicación entre os nosos pobos. Instrumentos de enorme potencia para reforzar os lazos históricos que nos unen. Para achegar as realidades de dúas rexións do mundo chamadas a entenderse”, concluíu.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la USC:

Os máximos representantes do xornalismo latinoamericano atópanse en Santiago para asistir ao Congreso de Análise sobre Latinoamérica ‘Construíndo Eurolat. As relacións de Latinoamérica e a Unión Europea’, un encontro organizado polo Grupo Diariocrítico e Prestomedia e dirixido polo xornalista Fernando Jáuregui.

A inauguración tivo lugar no Colexio de Fonseca nun acto presidido polo titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e que contou ademais coa presenza do reitor Senén Barro; do director do Grupo Diariocrítico, Fernando Jáuregui; do presidente europeo da Asemblea Parlamentaria Euro-Latinoamericana, José Ignacio Salafranca; e do director de Estratexia de Medios de Telefónica, Carmelo Calvo. Fernando Onega foi o encargado de conducir o acto.

Previamente á apertura oficial, os asistentes ao congreso reuníronse co reitor compostelán na Biblioteca América do Colexio de Fonseca para coñecer da súa man a historia da Universidade que os acolle.

Nesta cuarta edición, que se desenvolverá enteiramente na Facultade de Ciencias da Comunicación, participan setenta xornalistas de 25 países -entre eles os directores dos catorce xornais máis importantes de América Latina-, embaixadores en Madrid e na UE, directores de medios de comunicación galegos e españois e representantes políticos de gran experiencia internacional.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Gabinete de Comunicación da USC