Skip to main content

Flocos.tv estrea a película de Mario Iglesias en alta definición: Cartas Italianas

Flocos.TV, “o cineclube do audiovisual galego” (unha plataforma da Axencia Audiovisual Galega) adícalle un ciclo ao director pontevedrés Mario Iglesias, cunha selección dos seus filmes, e aproveita a alta calidade de este portal para facer a presentación de Cartas italianas que foi rodada en tan so quince días no verán do 2007 na Illa da Palma en Canarias. Para a súa produción non contou con ningunha axuda oficial agás a do propio Festivalito da Palma. Noustante o filme foi seleccionado xa en numerosos festivais nacionais e internacionais.

Protagonizado por Eloisa Dorsi, Atilano Franco e Jacobo Rey, o filme narra o encontro entre dous mundos opostos, dende unha perspectiva poética e intimista. Por unha banda, o mundo de Eloisa, fotógrafa italiana que, dende ben nova, viaxa polo mundo, e que pola súa profesión, recala en A Palma. E o mundo de Atilano, un camelo galego que vai parar a illa coa intención de abrir mercado para a cocaína coa que trafica. No transcurso do filme, vanse entrelazándose historias da vida cotiá de múltiples personaxes. O filme foi rodado en italiano, castelán e galego.

Acompaña o ciclo a curta “Expertos”, (pertencente á longametraxe “De bares”), así como teasers e trailers doutras longametraxes de Mario Iglesias como “Catalina”, Relatos” ou “O almorzo do poeta”.

O director pontevedrés amosa unha incesante pulsión creativa por narrar historias en imaxes con ou sen subvención e cun estilo moi persoal e brillante que o singulariza dentro do contexto do audiovisual galego. A súa curtametraxe “Nais” foi unha das curtas máis premiadas do ano 2006, entre eles o premio á mellor curtametraxe española no programa de TVE “Versión española”. Coma el mesmo afirma: “Algúns dos meus filmes os fixen case simultaneamente, por iso acumúlanseme antes de estrearse sequera, pero é que un nunca sabe canto vai vivir.” Actualmente está a desenvolver a súa sexta longametraxe “ O home que tiña soños chineses” para a que conta con axuda da Consellaría de Cultura e Deporte.
Isabel Rey (Artefacto Producciones)