Skip to main content

A dixitalización audiovisual promove a democratización dos medios e abre novos modelos de negocio

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, destacou que a dixitalización “promove a democratización dos medios” na medida en que a facilidade na creación de contidos supón que os soportes tradicionais dispoñan dos instrumentos para converterse en grupos de comunicación multimedia. Así o salientou na inauguración da Xornada sobre o cambio do modelo de negocio no sector audiovisual promovida pola Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), un acto no que estivo acompañado polo presidente da mesma, Ramón Rodríguez Rego. A xornada pretende analizar a chegada da TDT a través da participación de todos os actores protagonistas do proceso: as administracións, as canles de televisión e as produtoras de contidos.

Na súa intervención, Fernando Salgado expuxo que o proceso de dixitalización do audiovisual conleva moito máis que unha simple remuda tecnolóxica. Así, incidiu, “ten que ser moito máis que o viño de sempre en novas botellas”. Ademais da dixitalización da difusión que ten que ver coa televisión dixital terrestre, cinemas dixitais e audiovisual por internet, prodúcese unha dixitalización integral de toda a cadea de valor do audiovisual e mesmo do resto dos fluxos de traballo das empresas audiovisuais; arquivo, xestión financeira e de persoal, adquisicións, contratación e emisión de publicidade.

O obxectivo, tal e como explicou, pasa por acadar un modelo que integra todas as áreas de traballo, de xeito que se poida compartir calquera información e contido dispoñible en calquera momento, por calquera persoa, e desde calquera lugar. Fernando Salgado explicou que o novo modelo simplificará os procesos de edición e produción, ao tempo que se ampliará o abano de recursos que os provedores de contidos teñen á súa disposición para desenvolver os contidos emitibles, coa conseguinte redución dos custos de produción. Así mesmo, facilítase a creación de contidos para a súa difusión por distintas canles de xeito que os medios tradicionais dispoñan dos instrumentos para converterse en verdadeiros grupos de comunicación multimedia.

Neste sentido, o secretario xeral de Comunicación subliñou que a dixitalización facilita unha nova maneira de facer e entender o audiovisual. Un cambio que, no caso das televisións públicas, debe servir para “reforzar o seu papel de servizo ao cidadán, para diferenciarse de entre todas as opción dispoñibles e garantir un uso eficiente dos recursos públicos”.

“Os retos son moitos pero confiamos en que os nosos profesionais saberán estar á altura dos tempos que nos ten tocado vivir”, indicou. Así mesmo, explicou que agora é o momento de coller a testemuña que os enxeñeiros deixan aos xornalistas, aos produtores, realizadores e a todos os profesionais da comunicación audiovisual.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia