Skip to main content

O Colexio de Xornalistas de Galicia presenta un informe sobre a situación laboral

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) presentou no
Club Internacional de Prensa de Santiago o ‘Estudo sobre a situación dos e das xornalistas en Galicia’, proxecto que conta coa colaboración da Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia. A rolda de prensa contou coa presenza do decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, e de Jorge Fente como representante da consultora Cidadanía.

Na presentación do estudo, o decano do CPXG, Xosé Manuel Pereiro, sinalou que “agora o xornalismo é noticia, e cando é noticia é porque é mala noticia”. Neste sentido, quixo aclarar que os datos do informe están recollidos “en época de vacas gordas, cando aínda non fixera aparición a crise económica”. Con todo, salientou certos datos relevantes sobre a precariedade laboral, como o feito de que un 27,6% declare traballar máis de oito horas, un 40,3% traballe máis de 22 días ao mes, ou que o salario medio estea moi por baixo da media dos licenciados de segundo grao.

Tamén estivo presente o representante de Cidadanía Jorge Fente, quen detallou as cuestións técnicas de realización do informe e presentou un resumo dos datos recollidos no mesmo. Fente destacou que os e as profesionais vían a precariedade como a problemática máis preocupante e que o horario e o salario eran os factores que suscitaban un maior grao de insatisfacción. Neste sentido, o estudo recolle que un de cada dous xornalistas ten pensado cambiar de profesión.

O informe ven de ser elaborado con datos de xornalistas inscritos e inscritas no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e no Sindicato de Xornalistas de Galicia quen autocumprimentaron unha enquisa vía web e telefónica. Ademais, tamén se realizaron entrevistas en profundidade a representantes de distintos medios e organizacións do sector, así como unha consulta das bases de datos do Servizo Público de Emprego Galego para pulsar as tendencias sociolaborais nas persoas recén licenciadas. Os datos foron recollidos no segundo semestre do ano 2008, encargándose do traballo de campo a empresa Cidadanía.

O estudo recolle tamén datos sobre características demográficas, disponibilidade de medios, uso do galego, satisfacción co posto, pluriemprego, ou presenza de discriminación de xénero e de presións externas e internas na profesión xornalística. O informe preliminar, así como o resumo técnico, pódese consultar na web do CPXG xornalistas.com.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia