Skip to main content

Ficción Producciones e TVG presentan a rodaxe da miniserie Mar Libre

Ficción Producciones e TVG presentan a rodaxe da miniserie Mar Libre
Escenarios naturais de toda Galicia e un elenco encabezado por William
Miller, José Ángel Egido, Luis Zahera e María Vázquez, xunto cun reparto de
luxo garanten o éxito desta ficción ambientada nas costas galegas do século
XVIII.

Coproducida por Ficción Producciones e TVG, Mar Libre é unha miniserie de
dous capítulos gravada en alta definición.  Dirixida por Dani de la Torre e
íntegramente fotografada en escenarios naturais, Mar Libre nace da
necesidade de contar un anaco escondido da nosa historia. No contexto da
industria da salga do peixe na costa galega, un heroe do pobo, encabezará
unha  loita pola vida e a liberdade. Mar Libre é unha historia épica , con
amor e  aventuras, no marco incomparable da Costa da Morte.

Nestas intensas semanas de preprodución, os actores están a preparar unha
complexa rodaxe que require coreografías de loita, secuencias a cabalo e
manexo da espada. Ó mesmo tempo o vestiario, a maquillaxe e os decorados
estanse a rematar, todo debe estar listo o día 14 de setembro para o comezo
da rodaxe.

A Illa de Sálvora, Caldebarcos, Redondela, Santiago ou Agolada son algúns
dos espazos que acollerán o equipo de Mar Libre nas vindeiras semanas.
Escenarios reais que responden a un esforzo de produción para acadar un
relato épico coma nunca se produciu na nosa comunidade.

Inés Colmeiro (Prensa Mar Libre)