Skip to main content

Presentadas as liñas mestras do Plan Director de Despregamento da Banda Larga en Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, porá en marcha a partir do vindeiro mes de xaneiro o Plan director de banda larga de Galicia, que terá en conta as demandas das empresas, do sector público, e da poboación galega. A secretaria xeral, Mar Pereira, presentou hoxe os criterios que rexerán a elaboración deste Plan, que se realizará no derradeiro trimestre do ano, e no que se investirán 102 millóns de euros ata o ano 2013, fondos procedentes do Plan Avanza e de fondos FEADER. No acto estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, da Consellería de Medio Rural, Antonio Crespo.

O Plan director de banda larga é un elemento primordial para impulsar unha estratexia global encamiñada a situar a Galicia no núcleo da Sociedade da Información; garantir o acceso dos galegos cunha calidade de custe e servizo axeitados; asegurar a vertebración dixital do noso territorio como elemento compensador de desequilibrios; extraer o máximo proveito ás posibilidades das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade; e impulsar a modernización da administración pública autonómica e local.

Compilación das infraestruturas existentes e da demanda de todos os sectores

A secretaria xeral de Modernización explicou que a elaboración do Plan director incluirá unha compilación das infraestruturas existentes, tanto civís como de telecomunicacións, así como da demanda, co obxectivo de realizar unha análise comparativa. O Plan contemplará tamén os diferentes factores de contorno que poidan condicionar as políticas de telecomunicacións da Xunta, e a elaboración dun plan de prioridades. Así mesmo, a Secretaría de Modernización buscará a transversalidade e considerará toda a demanda de banda larga existente en Galicia baixo a triple óptica dos sectores público, empresarial e cidadán.

Neste sentido, Mar Pereira asegurou que no sector público se terá en conta a demanda de todas as consellerías da Xunta de Galicia, ademais dos das entidades vinculadas a elas, así como as deputacións, concellos e outros organismos de ámbito local ou provincial. No sector empresarial, considéranse todos os elementos demandantes como os polígonos empresariais, as cooperativas, os centros e parques tecnolóxicos, as cámaras de comercio, as confederacións de empresarios, os servizos financeiros, de transporte.... Por último, no sector residencial ou cidadán, analizarase a demanda para cada entidade de poboación dos máis de 30.000 núcleos existentes en Galicia co obxectivo de que o Plan director facilite a inclusión social e diminúa a fenda dixital, especialmente nas zonas rurais. Segundo explicou a secretaría xeral, este traballo de compilación dará lugar a un mapa de telecomunicacións no que se recollerá a demanda potencial e as infraestruturas existentes en Galicia.

Coordinación, eficiencia e obras complementarias

Mar Pereira destacou, na presentación do Plan ante os medios de comunicación, que a Secretaría contemplará todas as infraestruturas, tanto a nivel civil como de telecomunicacións existentes en Galicia, xa sexan de carácter público ou privado, co obxectivo de conseguir coordinación e eficiencia no futuro despregamento da banda larga.

Así mesmo, a secretaria xeral destacou que o Plan director analizará os factores de contorno que poidan condicionar as políticas neste eido da Xunta de Galicia como poden ser os aspectos normativos aplicables, as tendencias tecnolóxicas actuais e futuras, a compartición de infraestruturas, o impacto ambiental, os incentivos á demanda, a extensión das ICT (Infraestruturas Compartidas de Telecomunicacións). Neste sentido, Pereira explicou que o Goberno galego avaliará o establecemento de actuacións que favorezan o despregamento da banda larga; buscará solucións que teñan en conta as tendencias de evolución das tecnoloxías actuais para que as infraestruturas sexan duradeiras; potenciará a compartición de infraestruturas para minimizar tempos e custos; reducirá o impacto ambiental; e definirá actuacións que equilibren o despregamento e a demanda;

Recomendacións da UE

A secretaria xeral de Modernización destacou que este será o primeiro Plan de despregamento da banda larga co que conte Galicia, e sinalou que, coa súa elaboración, a Comunidade fai súas as directrices que emanan da UE nas que se identifica ás autoridades rexionais como as mellor situadas para planificar os despregues de infraestruturas de telecomunicacións. Neste sentido, o Goberno galego velará por garantir o despregamento da banda larga en zonas onde os operadores non chegan por falta de beneficios económicos, polo que se levarán a cabo accións directas da Xunta sobre ditas zonas cos modelos de despregamento e de colaboración pública-privada máis axeitada.

Mar Pereira lamentou, por último, que Galicia ocupe os últimos postos nos diferentes indicadores en materia de Sociedade da Información, e salientou que case o 40% da poboación dos concellos de menor tamaño da Comunidade non teñen acceso á banda larga, así como que Galicia está á cola na porcentaxe de fogares con acceso á banda larga, cun 31,8% fronte a media española do 44,6%.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia