Skip to main content

Rueda aposta por que as empresas de comunicación busquen nichos de negocio propios na nova realidade informativa

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, salientou a importancia dos cambios acontecidos nos últimos anos no panorama dos medios de comunicación e, ante eles e a actual situación de crise económica, apostou por que as empresas informativas creen nichos de negocio propios ofrecendo unha información que as faga diferentes en cada unha das súas modalidades.

Na súa intervención na clausura das xornadas Presente e futuro da prensa escrita e a televisión, Rueda cualificou a este sector como “coprotagonista ineludible no proceso de superación dos problemas” actuais e apuntou que, ante a nova realidade, cómpre esperar “unha información distinta”.

O conselleiro referiuse aos cambios impostos pola era dixital, que provocou cambios nos medios de comunicación, na súa presenza ante a opinión pública e na súa forma de traballar, así como na cadea de valor da cultura da información e, consecuentemente, na forma de enfrontarse á mesma.

Alfonso Rueda tamén aproveitou o foro para expresar a preocupación da Administración polas consecuencias sociais e mesmo de transcendencia democrática que as dificultades económicas e financeiras do sector poden conlevar; ao tempo que declarou que calquera debilidade no ámbito dos medios de comunicación suporía “un déficit para o pluralismo do país”.

Neste sentido, o titular de Presidencia expresou que o apoio do Goberno galego farase a través do impulso de políticas de innovación ou traballando na extensión e cobertura conxunta da primeira e segunda fase da Televisión Dixital Terrestre (TDT) para cubrir os obxectivos do apagón analóxico do próximo 3 de abril. Así mesmo, tamén recordou que a Xunta propiciará unha nova regulación da publicidade institucional e reformará as leis do audiovisual de Galicia e dos medios audiovisuais públicos.

Finalmente, o conselleiro invitou á reflexión e á análise como medida para superar a crise, labor na que a Xunta de Galicia “está e estará” traballando co sector mediático galego. “Os tempos de adversidade son tempos de reflexión, de busca de alternativas; de innovación. Neste sentido, as crises deixan tamén unha serie de ensinanzas”, comentou.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia