Skip to main content

Máis de 20 profesionais beneficiaranse dunha bolsa de estudos do Consorcio

Máis dunha veintena de profesionais beneficiaranse este ano das bolsas de estudos do Consorcio Audiovisual de Galicia, logo de celebrarse, na sede do Consorcio Audiovisual de Galicia, a reunión da Comisión de selección. Deste xeito, entre as 50 solicitudes analizadas, serán finalmente 22 os beneficiarios entre os que, en base á puntuacións obtidas, se repartirán os 30.000 euros destinados a estas bolsas.

Cómpre salientar o grande interese suscitado e as numerosas respostas obtidas por esta convocatoria, que xa é a sétima, e entre as que abundan as destinadas a cursos de produción cinematográfica, interpretación e montaxe.

Dentro do Plan de Promoción do Consorcio Audiovisual de Galicia as bolsas para a ampliación e perfeccionamento de estudos no eido audiovisual son fundamentais xa que o seu obxectivo é fomentar a formación, co fin de favorecer o desenvolvemento e a consolidación dos profesionais do sector audiovisual galego.

Entre os criterios de valoración nos que se basearon os expertos para conceder as axudas atópanse o currículo, a aplicabilidade dos obxectivos do curso a realizar, o expediente académico e a formación específica no eido audiovisual, a traxectoria profesional, o recoñecemento do centro de estudos e a memoria na que cada solicitante xustifica a súa solicitude.

Centros de recoñecemento internacional

Grazas a estas axudas son xa mais de 120 os profesionais do audiovisual galegos que puideron formarse en destinos tan diferentes como Alemaña, Cuba, Inglaterra, Madrid, Francia, Arxentina, India, Barcelona ou Estados Unidos, entre outros, onde se atopan centros de recoñecemento internacional tales como: a New York Film Academy, o Estudio Internacional do Actor Juan Carlos Corazza, a Fundación TVI Actors Studio, a London Film School, a Escola Internacional de Cine e Tv de San Antonio de los Baños (Cuba), a Universidade Pompeu Fabra, a Escola de Guión e Creatividade GuionArte en Bos Aires, o Instituto Nacional do Audiovisual en Francia, a Media Business School, a ESCAC, a Asian Academy of Film & Television ou o International Center of Photography de Nova York.

A listaxe dos beneficiarios pendurarase na web do Consorcio: www.consorcioaudiovisualdegalicia.org
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia