Skip to main content

O ex presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, recibe o premio Galego do Ano

Intervención do presidente da Xunta na entrega dos Premios Gallegos del Año 2009:

"Autoridades presentes, señoras e señores, amigas e amigos do Grupo Correo Gallego.

Quero invitalos a facer unha breve viaxe ao noso pasado. Quero invitalos a que lembremos xuntos as condicións nas que naceu o noso autogoberno. Non se trata de axustar contas coa historia, senón de todo o contrario; trátase de atopar nesa historia aínda tan recente, motivos para sentírmonos orgullosos do que fomos e do que chegamos a ser.

Galicia fora chorada, soñada e imaxinada desde moito tempo atrás, por pensadores que teimaban para que o seu galeguismo se abrise paso polas brétemas, anticipándose ao futuro. O seus anceios eran fundamentais para levantar a gran obra da autonomía, pero Galicia precisaba tamén de políticos que esqueceran os choros, transformaran soños en realidades, e levaran ao poder esa imaxinación.

Eses políticos tiñan que ser unha mestura complexa de idealismo e pragmatismo. O seu labor non era doado porque debían superar as suspicacias que, por exceso ou por defecto, provocaba o autogoberno en sectores da nosa sociedade. Case coma os Apóstolos aos que se lles pediu abandonalo todo para seguiren a mensaxe de Cristo, os pioneiros da autonomía víronse así mesmo na obriga de deixar carreiras profesionais certas, por un ideal político cheo de incertezas.

Moitos o fixeron, e non soamente deron exemplo de entrega, senón que tamén foron artífices do maior milagre da historia política de Galicia. Porque a nosa autonomía nace sen vencedores, nin vencidos, sen que se produza unha fenda no noso ser colectivo, coma se a súa instauración fose unha etapa máis da historia, á que se chega con naturalidade. ¿Non é ese un milagre?

Non faltou heroísmo nesa gran epopea galega. Houbo heroes cunha heroicidade moi superior a aqueles outros da mitoloxía clásica que cimentaban a súa sona sobre sanguentas batallas. Os nosos ganaron batallas pacíficas nas que todos os galegos resultaron ao cabo triunfadores.

O home que personifica esa epopea chámase Xerardo Fernández Albor. Un liberal avanzado coma Burke anticipaba aló polo século XVIII o papel que o primeiro presidente da democracia galega, outro liberal, cumpriu neses anos cruciais da autonomía. O pensador británico referíase ao exemplo coma o valor esencial dun político. A Galicia de entón precisaba mirarse nun espello, observar as súas virtudes, e decatarse de que era posible construír un país de todos e para todos, un país amable. Nese espello estaba don Xerardo.

Porque nese tempo, amigas e amigos, a autonomía non tiña competencias que gobernar, nin leis que administrar, nin orzamentos que gastar, nin sequera sedes onde habitar. Só tiña exemplos. Só podía darlle á xente exemplos vivos que perpetuasen os exemplos de davanceiros mortos que fecundaron a memoria do galeguismo. Un presidente soamente podía darlle iso ao seu país, e Fernández Albor deullo xenerosamente.

Esa sa ambición que latexa en calquera político de hoxe, non existía daquela. Para cambiar unha apracible vida profesional por unha política incógnita, precisábase unha enorme fe no pobo galego. Se cadra don Xerardo a tiña porque parte dese pobo pasara pola súa consulta. Se cadra foi aí, nesa consulta de médico humanista, onde se forxa a súa teoría do sentidiño, semellante á que aplicou o lembrado Adolfo Suárez para comandar a transición.

Suárez deulle categoría política de normal, ao que na rúa xa era normal. O noso presidente traslada da Rosaleda a Raxoi ese sentido común que tantas veces aprendera e practicara. Sigamos nesa viaxe no tempo, e pensemos o diferente camiño que houbera tomado aquela autonomía recén nacida, cun mandatario de estilo e talante diferentes. A autonomía se asenta porque os galegos ven no presidente Fernández Albor a un deles, que actúa coma eles.

Os políticos gobernan de dúas maneiras: producindo leis e producindo costumes. Son palabras do filósofo Javier Gomá que eu fago miñas, e que estiveron plenamente vixentes nesa fase inicial do noso autogoberno. Pero ese mestre do exemplo cívico que foi don Xerardo, non rematou a súa clase maxistral nesa etapa presidencial. Circunstancias adversas e deslealdades amargas, puxeron de novo a proba o carácter do primeiro rexedor de Galicia.

E non houbo reproches. Non houbo o rudo encono dos homes pequenos, senón a maxestade dos grandes. Tras deixar invicto a Presidencia da Xunta, Fernández Albor ocupa outra xerarquía na que fala con silencios e goberna con dignidade. Entendeu que, malia as competencias, as leis e os edificios que xa daban corpo ao autogoberno, Galicia seguía a precisar de exemplos. O seu sempre estivo presente.

Por elo, os amigos do Grupo Correo Gallego van permitirme que lles faga unha pequena emenda. Don Xerardo é o galego de todos estes anos. Foino primeiro como doutor e intelectual, mais tarde como presidente de Galicia, logo como europeísta que loita por unha Europa Unida desde o Parlamento europeo, e sempre como persoa amable que está a carón dos seus.

O Bundestag réndelle homenaxe a don Xerardo cun retrato seu situado nun lugar senlleiro do Parlamento alemán. Recoñécese así unha débeda con quen tanto traballou pola reunificación de Alemaña. Nós, que lle debemos a unidade de Galicia no momento fundamental do seu rexurdimento, temos a ledicia de contar con el en persoa, nun acto que tamén debe servir de agradecemento a outro heroe da nosa autonomía.

Refírome á prensa galega, i hoxe en especial ao Grupo Correo Gallego, personificado no seu editor, Feliciano Barrera, e o seu director Jose Manuel Rey. Grazas. Grazas por crer en Galicia cando Galicia era mais unha palabra que un país. Grazas por rexistrar en páxinas, micrófonos e cámaras a vida dunha autonomía que nace, medra e se desenvolve ata chegar a este presente cheo de realidades e esperanzas que nos encamiña ao Xacobeo 2010. Grazas por establecer cada día vencellos de información entre todos os recunchos da nosa terra. Grazas, en suma, por facer posible unha Galicia global, capaz de harmonizar diversidades nunha idea común. Ningunha dificultade impedirá que ese papel se siga cumprindo.

Este acto é o mellor reflexo desa Galicia global á que aludo. A grandeza do noso país está nas súas xentes. Cada ano, os amigos do Grupo Correo nos lembran que Galicia ten presente e ten futuro. E tenos porque galegas e galegos de ocupacións diferentes e xeracións distintas, traballan entre nós, dándonos outro exemplo como o de don Xerardo, aínda que moitas veces sexa anónimo. A todos eles quero dicirlles que me sinto fondamente orgulloso de presidir unha comunidade na que viven persoas de semellante categoría persoal e profesional.

Felicito por tanto a José María Fonseca, a María Castro, e a Carlos García Martínez. Doulle os meus parabéns a Chus Lago, a Fernando López Alsina, a María Esporas Rodríguez e a Francisco Castro Miramontes. Transmito os meus parabéns a Manuel Paz, Rosa Aneiros, José María Fraga Bermúdez, Xosé Neira Vilas e a Carmen Andrade Pedrix.

Con xente coma vostedes, aquela autonomía incipiente que semellaba O Neno Labrego de Neira Vilas, vai ter un porvir esperanzador.

Amigas e amigos; Galicia, desventurada en moitas circunstancias da súa historia, foi afortunada na encrucillada autonómica. Sen menosprezar o avogoso papel do noso Apóstolo, coido que a coincidencia dun presidente como Fernández Albor, uns medios de comunicación críticos e responsables, e unha sociedade madura, é o que explica o milagre da nosa particular transición democrática.

Quero que ese espírito non se perda. Sinto sobre min a enorme responsabilidade de administrar un legado de concordia e galeguismo cordial que don Xerardo nos deixou a todos. Si con eses ideais foi posible construír un país, tamén será posible superar a crise con novos folgos. Que o seu exemplo nos acompañe sempre. Grazas, parabéns a todos os premiados, e as miñas felicitacións para o Grupo Correo Gallego".
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia